Aínda que tiven sempre como lema “Abrir portas e mirar para diante”, agora ao cumprir 50 anos de sacerdocio, nas Vodas de Ouro, quero facer un stop, botar unha mirada para atrás, como cando se mira polo retrovisor, para dar gracias ao Señor, e renovar a fidelidade e a ilusión e seguir camiñando os anos que Deus me regale:
- Dar gracias a Deus pola vocación e o don do sacerdocio, e por todo o traballo pastoral realizado durante estes anos, coa gracia de Deus e a axuda xenerosa de tantos colaboradores.
- Volver a dicir Si, como aquel 18 de decembro de 1965. ”Aquí estou Señor para facer a túa vontade”.
Con esta finalidade quero facer Memoria, non para presumir, senón para, como María, decir Magnificat: “todo o realizado é gracia do Señor…”.
Gustábame a Medicina. Creo que podería ser un bo médico.
Tiven a oportunidade de estudar Dereito na Universidade de Caracas, xa que o Dr.Marcos (familia coa que traballaba a miña nai) ,catedrático e decano da facultade de Dereito brindábame esa oportunidade.
Cantas veces lle dicía: “Señor, non me chames a min, chama a outro”. Pero como ao profeta “seducíchesme, Señor, e deixeime seducir”, e con toda ilusión díxenche: “Heme aquí. Envíame”.
En dúas ocasións quixéronme enviar a Roma para estudar.
Xa sendo cura de Salomé os profesores D. Enrique Moreno Báez e D. Manuel Cecilio Díaz e Díaz insistíronme que me matriculase na Universidade compostelana.
Pero sempre tiven claro que a miña vocación concreta era ser Cura de parroquia, ser pastor. E despois de 50 anos intentando ser pastor, estou plenamente feliz, dou grazas a Deus, non me cambio por ninguén, e si volvese a nacer volvería dicir: “Si. Quero ser cura”.
A prestixiosa revista Forbes, baseándose nun estudo realizado pola Universidade de Chicago ao longo de 30 anos, publicou unha lista das profesións que fan máis felices aos seus traballadores, a cal estaba encabezada polo sacerdocio. A verdade, manifestou o director do estudo, é que todos esperabamos que os traballos mais prestixiosos e mellor remunerados fosen os que proporcionaran máis satisfacción e felicidade”.
A todo o mundo lle sorprendeu que os curas fósemos os máis felices. Con todo, hei de dicirlles que a min non me pareceu tan raro, pois recordando o felices que eramos os centos de seminaristas que pasamos polo Seminario, (entre escaseces e austeridade), canto máis non o seremos os sacerdotes que xa exercemos o noso sacerdocio, que levamos gastada a vida nas parroquias e en tantos ministerios de servizo aos demais.
Os curas somos felices porque consagramos a nosa vida a amar a Xesucristo nos demais, e precisamente, é esa entrega dun mesmo por amor o que constitúe a clave da felicidade do ser humano.
Con todo, hoxe en día, no noso mundo hai moita xente triste, perdida sen esperanza que non atopa o sentido último da súa vida. O mundo necesita recuperar as súas raíces cristiás, necesita que Deus volva a reinar en tantos corazóns, e esta é precisamente a misión de cada sacerdote: levar a alegría e a esperanza a todos os homes e mulleres, pois, como di o Papa Francisco, “só con Xesucristo nace e renace a lecidia”.
Por iso os curas temos o “traballo” máis feliz do mundo, porque, por amor, entregámonos aos demais e esa é a verdadeira clave da felicidade.
A Vida Sacerdotal é unha Vocación de servizo, e Cristo é un Deus alegre. Desde aquela primeira Misa en que con temor e tremor me acerquei ao altar e recitei o salmo 43 “Introibo ad altare Dei… subirei ata o altar do Señor, do Deus da miña alegría, e cantarei, e farei soar a miña arpa, Señor, Deus meu” e pronunciei aquel Ite Misa es: “Sodes enviados”.
Desde entón, rezo en cada Misa estas palabras e acollo a Cristo nas miñas pecadoras mans para durante o día ir repartindo a ledicia do Evanxeo a este mundo triste.
José M García Gondar