Publicada A Xanela Nº 641

por parroquiacarballo

Queridos lectores de A Xanela

Ao chegar ao final deste curso pastoral, síntome fondamente agradecido polo camiño compartido. Foron meses intensos de traballo, de aprendizaxe e de fe vivida en comunidade. Cada encontro, cada celebración e cada xesto de servizo deixaron unha pegada que agora queremos recoñecer xuntos na clausura do curso, que celebraremos o mércores 10 de xuño ás 20:30 h no Salón de Actos da Parroquia de Carballo. Será un momento para rezar, para facer memoria do vivido, para escoitar ás autoridades e para honrar a quen tanto deu pola comunidade, coa entrega da Medalla da Parroquia ao alcalde emérito D. Evencio Ferrero e dos diplomas dos cursos formativos realizados por Cáritas e o Centro Social. A clausura non é só un acto protocolario: é unha oportunidade para dar grazas, recoñecer esforzos e renovar o noso compromiso. Grazas polo voso tempo, pola vosa xenerosidade e pola vosa fe. Que o Señor vos bendiga, que María nos acompañe e que San Xoán interceda sempre por Carballo.

Nestes días España vive un acontecemento extraordinario coa visita do Papa León XIV, que estará en Madrid, Barcelona e Canarias do 6 ao 12 de xuño. O lema escollido, «Alzad la mirada», convídanos a levantar o corazón, a non quedarnos atrapados no inmediato, a descubrir o que realmente importa. Cando un mira só o muro que ten diante, ve cansazo e problemas; pero ao levantar a cabeza, aparece o ceo, mesmo cando está nublado. Ese xesto interior é o corazón desta viaxe. A inspiración vén das palabras de Xesús: «Cuando yo sea levantado de la tierra, atraeré todo hacia mí» (Jn 12,32). Cristo é o punto que dá sentido á vida, onde converxen traballos, relacións, feridas e esperanzas. Barcelona lembrará a beleza que achega a Deus, Canarias porá o foco na acollida e Madrid subliñará a unidade. Tres cidades, tres acentos, un único chamamento: alzar a mirada para vivir con máis esperanza.

Este domingo, festa do Corpus, celebramos tamén con alegría os 72 anos de sacerdocio de D. José Pumar, ordenado o 6 de xuño de 1954 polo cardeal Quiroga. A nosa noraboa máis sincera para quen tanto significou para nós. Botamos de menos a súa presenza, a súa palabra clara e fonda e os seus escritos, que tanto nos iluminaron ao longo dos anos. Pedimos a Deus que lle conceda saúde e paz neste día tan especial. Do mesmo xeito, lembramos con gratitude a D. Ricardo Bello Mato, que o próximo 1 de agosto alcanzará o século de vida e que este 19 de xuño celebra setenta e un anos de sacerdocio. Xunto ao seu irmán, D. Xesús, continúa sendo luz e memoria viva desde a Casa Sacerdotal de Santiago. A ambos diriximos o noso agradecemento polo seu longo servizo á Igrexa e á terra de Bergantiños. D. Ricardo segue escribindo, ofrecendo palabras que tamén son vida.

No segundo aniversario do seu pasamento, lembramos con fonda gratitude a D. Jesús Antelo Quintáns, home entregado ao sacerdocio e ao servizo das comunidades de Cances, Bértoa, Razo, Oza, Carballo e toda a UPA. A súa labor pastoral, social e cultural segue viva na memoria de todos. A familia, os sacerdotes do arciprestado de Bergantiños e os seus fregueses convidan a participar no funeral de aniversario, que terá lugar o venres día 12 ás 19:00 h na Capela de San Pedro de Cances.

Ao longo destes días tamén viviremos diversas celebracións na nosa comunidade. O xoves 11, ás 18 h, celebraremos a Misa polos enfermos na Capela de Nosa Señora de Lourdes de Xoane. O sábado 13, ás 20:30 h, honraremos a San Antonio de Padua cunha Misa solemne, lembrando tamén as súas imaxes veneradas na Milagrosa, na Brea e no Pazo de Villar de Francos, onde haberá misas toda a mañá e solemne ás 13 h. O luns 15 comezaremos a Novena das Festas Patronais, coa exposición do Santísimo ás 20:00 h e a Misa ás 20:30 h. Os devotos que desexen ser funcionistas ou axudar a portar a Custodia na procesión do día 25 poden anotarse no Despacho Parroquial.

A_Xanela semanal_641

 

También te puede Interesar