PREMIO PARA XOSÉ AMEIXEIRAS

por parroquiacarballo

A Deputación de A Coruña vén de outorgar o Premio de Boas prácticas a Xosé Ameixeiras polo seu labor divulgativo.

Da pruma deste mestre de periodistas saen traballos contra a exclusión social, contra o narcotráfico, que son puntos nos que o lector ten que sensibilizarse.

Pero moitos máis asuntos trata Ameixeiras. Como gran coñecedor de Bergantiños e A Costa da Morte, ponnos presente o que un xeólogo estuda: as figuras  que a natureza co tempo (chuvia, xiadas, Sol…) foi esculpindo en penedos dos nosos montes; o historiador fai o catálogo dos dolmens; o etnógrafo conta as lendas que o pobo foi tecendo sobre lagoas,  encrucilladas noites de  S. Xoán.

Xosé Ameixeiras recolle todo isto con ollos de visitante que pasma, interpreta canto aparece ante el, isto é o particular do noso laureado escritor: definir as sensacións que se experimentan, mesmo pode sentirse vixiado o afeccionado ó contemplar estas paraxes.

Sendo isto así, cómpre dicir que un feito  tan particular como foi o de Man, o alemán que atopou o seu paraíso en Camelle e alí crea a súa morada, foi un capítulo que ninguén nos contou como Ameixeiras. A xenealoxía e nome propio de Man, a súa artística obra, os aforriños que tiña e pasaron ó erario público… Todo isto, é o triste final por causa do Prestige que espallou a súa carga ennegrecendo a costa galega, aparece nos artigos de Ameixeiras.

Unha vez que batín con el na rúa, en Carballo, pregunteille se Man falaba galego, e respondeume que si. Coido, pois, que Ameixeiras falou con Man e por iso sabía da súa vida.

Agora hai que restaurar o legado artístico de Man. O concello de Camariñas ten por diante este mester.

Estou seguro que Xosé Ameixeiras estará atento para informarnos.

Parabéns ó admirado amigo.

X. Pumar Gándara

 

 

También te puede Interesar