Cregos

por parroquiacarballo

Cada un ten as afeccións que ten, e unha das miñas, se hai tempo, é ler o boletín oficial do arcebispado de Santiago. Creo que nin a maioría dos curas o len, e iso que se aprende moito: como actuar nas cerimonias, que requisitos se van pedindo para actos ou sacramentos, que cautelas tomar en determinadas situacións. Ou canto aporta cada parroquia cando se fan colectas. Isto e é unha ínfima parte deste texto mensual, imposible resumir. Unha vez ao ano vén a lista dos curas que celebran as vodas de algo. Hai anos, as de prata eran as máis extensas, e as de diamante (60 anos dende a ordenación) anecdóticas. Agora case é ao revés. Van ter que poñer as de platino de 75 anos para o San Xoán de Ávila de máis adiante, porque a historia vai por aí. Cada vez son menos. Hai tempo contara os que había nas 157 parroquias da zona e saíanme 56. De memoria, agora deben andar polos 45, sen citar os que de vez en cando están de baixa, como lle pasa ao de Sofán e Entrecruces ou ao de Berdillo e Artes. Ou os que se van retirando sen relevos, deixándolle a un compañeiro a zona que levaba, con gran gozo do que xa tiña poucas. Como me dicía unha vez un veterano, antes, cando o vicario (o da Coruña é de Artes) chamaba ao crego, este poñíase nervioso. Agora é o vicario o que trema cando un crego lle pide algo.

Iría mellor para todos se a saúde e as circunstancias respectasen os territorios. En San Cremenzo de Pazos, Zas, levamos seis sacerdotes dende 1754. Son 262 anos. Á entrada da igrexa aínda temos a tumba do que chegou en 1888 e morreu en 1924. Despois del, só dous, incluído o actual. Isto xa non é prata, nin ouro nin diamante: é carbono puro.

Santiago García Rial | La Voz de Galicia

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?