Publicada A Xanela Nº 396

por parroquiacarballo

Queridos lectores de A Xanela,

Neste novo número presentamos o cartel oficial do “II Ano da Parroquia: 12 meses para lembrar e agradecer o vivido en 50 anos”. Coa axuda de Deus, o día 1 de agosto do 2022 cumprirei 50 anos de párroco de Carballo e D. Xosé Pumar 25 anos de servizo sacerdotal nesta Parroquia. No ano 1997, ao cumprirse 25 anos da chegada a Carballo do equipo sacerdotal, celebramos o ANO DA PARROQUIA, como unha ocasión para:

– Mirar ao pasado, e recordar con gozo e gratitude tantas cousas como levamos feitas entre todos coa gracia do Señor.

– Vivir o presente: para facer revisión, coller novo pulo evanxelizador, e renovar a fe de cantos celebraron os Sacramentos o longo destes 25 anos, e abrir de novo as portas da Parroquia a todos, especialmente aos mozos e aos que levan tempo sen vir.

– E unha mirada ao futuro: para conseguir que a nosa Parroquia sexa unha auténtica Comunidade  evanxelizadora e misioneira.

O máis salientable deste ano foi o CONCILIO PARROQUIAL, unha fermosa experiencia de comuñón eclesial na que toda a Parroquia tivo a oportunidade de facer revisión e aportar críticas, suxestións e propostas para  unha mellor organización da comunidade parroquial.

Agora, co motivo destes 50 anos, o Consello Pastoral organiza o II ANO DA PARROQUIA para dar grazas ao Señor por todo o vivido durante estes 50 anos, renovar a vida cristiá das familias na postpandemia, e invitar de novo a todos: ”Vinde e entrade, volvede á Igrexa, xa que a Parroquia ten as portas abertas, onde todos poden sentirse acollidos, perdoados e invitados a participar na Eucaristía”.

O Consello Pastoral Parroquial INVITA á Celebración de Apertura do II Ano da Parroquia, que terá lugar o próximo
domingo día 1, ás 20,00 hs na Igrexa Parroquial e que será presidido polo noso arcebispo D.Julián Barrio.

Publicamos tamén un artigo de Xosé Pumar titulado “A Urna-Relicario”, así como os horarios fas festas parroquias de Sísamo e de San Cristovo.

Feliz semana!

José García Gondar

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?