A Urna – Relicario

por parroquiacarballo

Cando imos á Catedral, anque non sexa Ano Santo, sempre tratamos de ir rezar un Credo, polo menos, diante da Urna do Apóstolo. É unha cripta na que cabe pouca xente, pero vale a pena baixar alí uns instantes.

Despois que o arcebispo Sanclemente ocultara as Reliquias por temor a que Drake as maltratase, volveron a ser descubertas na Catedral por un sabio cóengo como foi López Ferreiro. Isto foi o 28–I–1.879.

Por encargo do cardeal Payá o mesmo López Ferreiro dispuxo a cripta e a urna para os Sagrados Restos.

A urna é unha gran peza da ouriveiría galega. É de prata fundida. Mide 124 ctms. de largo por 60 ctms. de fondo e 50 de alto.

Diante, no frontis, está Cristo en Maxestade. A cada lado, catro arcos con imaxes dos apóstolos. Á man esquerda do espectador: Santiago co seu báculo en T (coma no Pórtico da Gloria); segue S. Xoán, seu irmán, despois S. Mateo e na esquina Teodoro (un dos discípulos de Santiago que tamén ten as súas cinzas na urna).

Pola dereita, S. Pedro, e seu irmán S. Andrés, S. Pablo e Atanasio (discípulo de Santiago).

Polo lateral esquerdo (que non podemos ver pola estreitura do local) está Cristo, acompañado de S. Pedro e Sto. Tomás (polo lado dereito) e pola esquerda: Santiago e S. Bartolomé.

Polo outro lateral, o dereito: Nosa Señora co Neno, acompañada, pola esquerda, por María Salomé e S. Simón; así como Santiago Alfeo e S. Torcuato.

A tapa é de forma triangular, a catro augas, con vieiras e estrelas.

No interior hai unha segunda caixa de cedro, forrada de terciopelo. Con seis divisións e dentro de cada unha uns vasos de cristal, onde, envoltas en finos panos, están as Santas Reliquias.

A urna vai sobre un pedestal de bronce.

As Reliquias foron recoñecidas e clasificadas polos catedráticos de medicina e farmacia da U.S.C. O listado de cada unha das pezas foi recollido e descripto por Guerra Campos nas Páx. 113-115 da súa obra “La Bula Omnipotens Deus 1.884. Notas históricas. Compostela”, publicada en 1.985.

Quedan así expostas ós devotos as Reliquias de Santiago Apóstolo e dos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Son Restos do século I da nosa era, polo tanto, anque moi venerados, moi disminuídos por tantos séculos de enterramento.

Esta urna foi levada en procesión polas rúas de Compostela, o día 30-VIII-1.936. Pedindo pola paz en España. Coa autorización do arcebispo Muniz Pablos. Hai fotografías desta procesión na Gran Enciclopedia Galega. Vese a Urna saíndo da Catedral pola porta Real e pasando pola Praza da Quintana.

Diante dos restos do Apóstolo orou o papa Xoán Paulo II cando veu a España. Tamén Benedicto XVI.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?