Proclamado pola ONU, en 1.975, para o día 8 de marzo.
Orixe.- En marzo de 1.857, mulleres do ramo do téxtil, pedían a rebaixa de 12 horas a 10 hs. de traballo cada día, e tempo para amamantar os fillos.
En marzo de 1.908, en Nova Iork, 146 mulleres do téxtil foron queimadas vivas, pois o empresario puxo lume á fábrica na que protestaban.
Velaí os tristes feitos do pasado.
Hoxe, afortunadamente, xa se loita por rebaixar as 40 hs. de traballo á semana. A igual traballo entre homes e mulleres, igual salario. A igualdade de homes e mulleres, sen descriminación algunha, xa está nas constitucións dos países máis avanzados. Temos a muller no mundo da ensinanza, do deporte, da política, nas ciencias técnicas, etc…
Por lei, en España, os organismos do estado, e os centros directivos das empresas, han de ter, polo menos, un 40% de mulleres.
Tamén o noso mundo ofrece casos negativos no aprecio que debe ter a muller. Velaí os casos de violencia que sufren as mulleres. En España, temos arredor de 50 mortes violentas cada ano.
Así mesmo, o engano para tantas que veñen a Europa con esperanzas dun posto de traballo e van para á prostitución. Últimamente, tal como dixo o papa Francisco, a humillación da muller nos casos chamados de “ventres de aluguer”.
Volvendo cara algo máis amable, temos a muller que, en canto nai de familia exerce unha función fundamental na educación dos fillos e, polo tanto, de toda a sociedade.
Se miramos á Igrexa, vemos que a muller é o sustento da fe nas nosas parroquias. Como catequista, colaboradora en Cáritas, coidadora das igrexas e das imaxes, visitadora de enfermos, exemplo de presencia nos templos.
O Día da Muller Traballadora ten que facernos reflexionar sobre o traballo anónimo, sacrificado, que a muller fai no fogar para que todos os membros da familia, maiores e nenos, avós, país e fillos, vivan dentro da felicidade que neste mundo é posible.