Era unha cidade na que os paisanos galegos entraban como na súa casa. Dicía Otero Pedrayo que os camiños das aldeas viñan todos cara Compostela. Cada quinta feira, mercado na carballeira do castro de Sta. Susana. Os feirantes xantaban nas tabernas da súa confianza, bebían ribeiro. As bestas ou facos nos que viñeran tiñan tamén cortes para descansar. Os amantes da nosa lingua, como Xosé María Castroviejo, ían escoitar aquela nidia fala. Mesmo chegaban a distinguir tonalidades e vocabulario asegún a procedencia dos falantes.
Pola Asunción e polo Apóstolo, feira cabalar. Os compradores miraban as dentaduras, daban pequenas carreiras cos animais a mercar, descubrían as cualidades equinas.
Había barcas de balanceo e outras de equilibradas subidas e baixadas. Así como churros, polbo, fotógrafos do minuto.
Durante os meses do curso, Compostela era estudiantil. A novela “La Casa de la Troya” inmortalizou a aquela xeración de estudantes. No verán, todo era máis sereo. O reloxo da Berenguela dominaba a vida da cidade. As campás do Obradoiro chamaban os cóengos a coro, tanto pola mañá, como polo serán. Os xoves, os párrocos viñan nos coches da feira para tramitar asuntos eclesiásticos.
Na véspera do Apóstolo, ás 12 hs., saían os xigantes pola praza da Quintana. Representaban as diversas razas dos peregrinos a Santiago.
O día do Apóstolo, rematada a Misa Maior, no medio da Catedral bailaban o Coco e máis a Coca, significando así a leticia do peregrino que cumpriu a súa promesa.
Pero un ano, un cóengo importante decretou: “que vaian bailar á Quintana”. E así acabou aquel costume do baile de dous persoeiros tan populares como eran os gordinflóns Coco e Coca.
Non podemos deixar de enumerar as peregrinacións que entraban na Catedral. Xuntábanse os peregrinos na Alameda e viñan cantando pola Rúa do Vilar e Praza do Obradoiro. Quiroga Palacios maxestuoso, escoitaba sentado a ofrenda que facían os representantes dos peregrinos. Contestaba tamén sentado recollendo ideas do oferente que lía de seonllos. Despois, fotografía de familia na escalinata da Quintana, con Quiroga e personalidades.
Desfaise o grupo de peregrinos. Van xantar. Comentan todos o voo do botafumeiro.Os que o viron por vez primeira van pasmados.
Todos prendados do dinamismo, elegancia do veterano incensario compostelán.
