O Ano Santo do 1.954

por parroquiacarballo

Era o primeiro que celebraba o cardeal Quiroga Palacios. Publícara unha Carta Pastoral chamando á peregrinación. Había un ano que Pío XII o nomeara cardeal. Daquela, o número maior de cardeales en todo o mundo non pasaba de 70. Pois os conselleiros que tivera Moisés no Antiguo Testamento tamén foran 70.

No día do Apóstolo estaba prevista a inauguración do Hostal dos RR. Católicos. Traballaron á presa, día e noite para que en tal día Franco inaugurase o Hostal no que fora Hospital para peregrinos e enfermos. Tamén fixo a ofrenda ó Apóstolo na Misa de Pontifical que oficiara Quiroga Palacios.

Poucos días antes estiveran en Compostela o cardeal Roncalli, e o cardeal Filtin, arcebispos de Venecia e París. Hai unha foto na que se ve ós tres cardeales avanzando pola nave maior da Catedral. Quiroga dá a dereita a Roncalli que vai no centro.

Despois que Roncalli foi elexido papa (Xoán XXIII), o cabido fixo insculpir un Víctor na Catedral, fronte á capela das Reliquias, memorando a visita a Compostela.

Volvendo á Misa solemne, recordamos que foi cantada pola Schola Cantorum do Seminario. Estaba presente toda a comunidade do Seminario Maior. Cantaron a Misa de Pedro Bilbao. A parte coral estaba a cargo do resto de seminaristas, uns 151. O gran Pérez Rajoán, inconmensurable, dirixía todo: orquesta, Schola e coro.

Aconteceu algo particular. A escolta de Franco determina que, por razón de seguridade, había que cerrar a porta das Praterías. Oponse un cóengo dicindo que ten que haber paso aberto para os peregrinos. Insiste a escolta. Deciden levar preso a ese cóengo. Vai este ó vestiario a sacar os capisaios. Nisto entra un compañeiro do Cabido e pregunta: qué ocurre? Responde aquel: vou detido. Hai un diálogo entre todos e resólvese polas boas.

Comentario popular: aquel cóengo, G. C. perdeu así o episcopado.

O certo é que dez anos despois Guerra Campos era bispo. E lembraba aquel feito como algo que pasara “sin hieles ni huellas”. (O cóengo Troitiño foi testemuña  e contounos o devandito).

Guerra Campos foi bispo de Cuenca. O gran estudoso e defensor das Reliquias do Apóstolo en Compostela. Morreu pobre, intentan o seu proceso de beatificación. Disque foi o mellor expediente académico na historia do Seminario de Santiago.Sepultado na catedral de Cuenca en 1.977. Foi profesor de quen isto relata. Ante el, inclínome reverente.

 

También te puede Interesar