MEMORANDO A F. CABEZA QUILES (Q.E.P.D.)

por parroquia

A noticia chegoume a medio serán do venres. Os meus ánimos quedaron tronzados  e refuxieime na oración. Son un agradecido seguidor de Fernando. Coñecino haberá 50 anos  cando escribía nunha modesta publicación artigos sobre toponimia xermánica. Desde aquela  veño seguindo o seu progreso, sabio mestre na materia. Estando en Padrón  coincidimos navegando pola ría de Arousa naquelas peregrinacións de Vilagarcía a  Pontecesures. Despois, unha convivencia de 28 anos en Carballo. A miña decadencia marcou o final deste tempo.

Agasallábame cun exemplar das súas obras, que me dedicaba con expresivo texto. Correspondía eu cun comentario que el recibía con gozo.

Cabeza Quiles era membro eminente do Instituto de E.E.  Bergantiñán. Foi candidato a ingresar na Real Academia Galega. Escritor en varios xéneros literarios, pero sempre coa  mirada posta en Galicia. Día será no que o Concello de Carballo dará o nome de Fernando  a unha rúa da vila. Colaborará así a manter a perennidade da súa obra e maxisterio.

Falamos nunha vez sobre o seu apelido Quiles. Díxome que era de orixe levantina. Atrevinme a dicirlle  que  me  parecía que procedía do latino aquila (águia). A mitoloxía grega axuda tamén esta interpretación pois Aquiles tiña o don de gran velocidade. Como as aguias que sobrevoan maxestáticas a terra escrutando o que poidan atopar se descenden veloces.

Así imaxino eu a Fernando voando maxestoso cara a eternidade, despedíndose dos topónimos galegos que el tanto agarimaba. A toponimia celta, a latina, sueva e mozárabe (escasa) choran a ausencia de amigo que  sabía ler as mensaxes da nosa historia, da nosa cultura e xeografía que estas alfarías se abren ao saber de quen pescuda nelas.

Quedo meditando. Polos meus anos e eivas que padezo, coido que axiña me encontrarei con  Fernando aló  na Eternidade. E falaremos de toponimia, el como mestre senlleiro, eu como afeccionado e alumno. Que así sexa.

Xosé Pumar Gándara

 

También te puede Interesar