Día do Seminario

por parroquiacarballo

Baixo o patrocinio de S. Xosé está en España o Seminario Diocesán onde se forman os futuros sacerdotes.

En Santiago temos dezasete seminaristas para os seis cursos que se imparten en Filosofía e Teoloxía.

Así, pois, podemos augurar que, no mellor dos casos, teremos cada ano dous ou tres sacerdotes novos. Contrasta isto co número de falecidos cada ano, uns 20. Ademais, as baixas por xubilación. A media de idade é de 70 anos. Polo tanto, de aplicarse normas civís, máis da metade dos sacerdotes debería estar xubilado.

Para 1.077 parroquias, e outras cargas, hai, en total, 425 sacerdotes. Hainos que teñen ata 6 parroquias, en 20 kilómetros cadrados, e 3.000 fregueses. ¿Cómo se arranxan estes curas? Con máximo esforzo dividen o seu traballo para parroquias en domingos impares, ou pares, de cada mes. E tamén con outras medidas sempre sacrificadas. Como son as Unidades Pastorais agrupando parroquias e equipos sacerdotais. Tal é o caso de Carballo.

En conclusión. Iríamos camiño do colapso. Se non fora pola colaboración de laicos/as que axudan en cada parroquia. As Escolas de Formación de Axentes de Pastoral prevían esta necesidade.

O papa S. Xoán Paulo II dixo que o coidado e promoción das vocacións sacerdotais era labor preferente, primordial, na pastoral das dioceses. Isto aféctanos a todos : sacerdotes, laicos, homes e mulleres.

A familia cristiá é a fonte que provía de vocacións á Igrexa e colaboraba na súa formación.

Lamentablemente hoxe hai unha caída de tensión na fe cristiá das familias. Valórase moito o triunfo no mundo empresarial, da informática, no deportivo, no maxisterio, etc. Etc.

E hai outro dato, que, entre nós, galegos, é alarmante. O problema demográfico. Morre o doble de xente en relación coa que nace. Se non temos nenos, non haberá mozos que poidan ingresar no Seminario.

Boa falta nos fai o patrocinio de S. Xosé para afrontar este problema capital. Foi este santo quen coidou, e humanamente formou, ó primeiro e gran sacerdote que foi Xto. Xesús.

Manteñamos a esperanza. Colaboremos. Deus e Sta. María axúdannos.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?