Queridos lectores de A Xanela
Hai 51 anos, cando o día 1 de agosto de 1.972 cheguei por primeira vez a Carballo, e a igrexa estaba clausurada coas portas pechadas…
Tiven o soño e o compromiso de construír o templo, pero sobre todo “abrir portas, acoller e edificar a Igrexa de pedras vivas”. Este foi sempre o lema desta parroquia: ”Acoller, Abrir Portas e Construír Comunidade”.
Así o tentei facer coa axuda dos sacerdotes que me acompañaron e de tantos bos, xenerosos e leais colaboradores desta Parroquia… E durante estes 51 anos fixemos realidade este soño: coa construción da igrexa Parroquial, capela da Brea, santuario de San Cristovo, capela da Milagrosa… e tamén “ABRINDO PORTAS, ACOLLENDO E CONSTRUÍNDO IGREXA”.
Ao longo destes anos tentamos facer o mesmo que fixo o apóstolo Pedro con aquel paralítico que lle pediu unha esmola. Pedro acercouse e díxolle: “Non teño ouro nin prata, pero douche o que teño. No nome de Xesucristo Nazareno, levántate e camiña”. En lugar de diñeiro atopou a man amiga de Pedro que o incorporou e axudou a camiñar.
Nós non temos ouro nin prata, damos o que temos e compartimos o que recibimos. Pero máis importante que tantas cousas feitas durante estes anos… é que o número de bautizados, primeiras comuñóns, confirmados, os atendidos en Cáritas…teñen rostro, e detrás de cada unha das actividades realizadas hai o milagre de Pedro: sorriso, tempo, palabra de acollida e ánimo, é dicir “levántate e camiña”. Porque a Parroquia aínda que está volcada no compromiso social (velaí están os números de Cáritas), é algo máis que unha ONG. Quere ser un lugar aberto, unha casa de acollida, unha illa de misericordia, unha casa solidaria, un pequeño hospital de campaña.
Reitero a invitación a que veñades á igrexa que está aberta todo o día. A todas as familias invito de corazón: “Vinde, volvede, entrade, renovade a vida cristiá na familia”. Tamén dou grazas a Deus por conservarnos con vida, ilusión e ánimo un ano máis. E a todos os fregueses e, de xeito especial, aos catequistas, voluntarios de Cáritas e colaboradores que axudaron a facer realidade este soño.
Publicamos neste número da Xanela un novo artigo de Xosé Pumar titulado “Monte Neme. O Olimpo Bergantiñán”, así como a testemuña de Pablo Alonso, Frei Pablo María da Cruz, o salmantino de 21 anos que ingresou no noviciado Carmelitas ‘in articulo mortis’.
Recollemos todos vos avisos para a semana, especialmente as celebracións no Santuario de San Cristovo: Novena ás 20,30 hs e Misa ás 21,00 hs
- Luns día 31: Misa en honra de Nª Sª do Carmen.
- Martes día 1: Misa en honra de Santa Xema
- Mércores día 2: Confesións, Misa en honra de Nª Sª de Fátima e polos defuntos do barrio.
- Xoves día 2: Misa en honra de San Pancracio.
- SÁBADO 5 ás 12,30 hs: MISA SOLEMNE A Nª Sª DÁ BOA VIAXE
- DOMINGO 6 ás 12,30 hs: MISA SOLEMNE A SAN CRISTOVO, PROCESION E BENDICIÓN COCHES
Boa festa de san Cristovo e feliz verán.