Monte Neme. O Olimpo Bergantiñán

por parroquiacarballo

Afortunada, si, Carballo e toda a Costa da Morte, polo meritísimo labor que desde hai anos fai o Instituto de E.E. Bergantiñáns. Non só os lugares máis coñecidos, senón calquera curruncho desta Terra Nosa é obrigado estudo do I.E.B. Precísase amor á historia, á paisaxe, ás xentes. Tamén competencia. Todo isto, abofé, téñeno os membros do Instituto.

Velaí, á vista de todos está o Monte Neme. Desde o solano parece que foi fendido por un raio, e así o monte amosa as súas entrañas. Por que esta desfeita?.

Ai, a beleza, a riqueza do monte foron a súa perdición. O I.E.B. achégase ó Monte Neme como médico ante o soldado ferido en combate. Os membros sans, as partes doídas, sanguentas… todo garimosamente tratado. Empeza o libro cun limiar de Andrade Figueiras, coa súa prosa imaxinativa, amistosa. Segue unha introdución que acerta a resumir o contido da obra. Sempre cun galego culto, atraente.

Os grandes capítulos son: marco xeográfico, a explotación mineira, historia e etnografía, as parroquias do alfoz do monte, unha ruta a pé.

Descubrimos os secretos do wolframio, os seus xestores, conversas con ex – traballadores da mina, a situación actual e posible restauración, a Eira das Meigas, a ermida de Santa Cristina. Temos así un tesouro de datos que deberá ser custodiado nas casas de Bergantiños, como memoria dun pasado que marcou o seu vivir.

Comprendemos agora ese rexeitamento do pobo galego cando lle falan de abrir unha mina. Produciríase un saqueo e a paisaxe queda irrecoñecible.

Un caso paralelo ó do Monte Neme está na Lagoa de Alcaián, ó sur de Bergantiños. Os vellos mapas aínda ofrecen a Lagoa como augas embalsadas pola natureza nun monte a 400 mtrs. sobre o nivel do mar. Pero, mediado o século XX chegou a hora da mina, abriron gabias profundas para liberar as augas, revolveron todo. Queda algunha poza que acredita o pasado, pero as temibles canles que persisten non aconsellan visitar aquilo.

Mais, cómpre dar unha oportunidade á esperanza. Os grandes foxos das minas das Encrobas e As Pontes, son hoxe lagos artificiais que embelecen aquelas bisbarras, atraen visitantes.

Apostemos pola restauración do Monte Neme, superados os temores da situación actual, e volverá ser referencia emblemática da terra de Bergantiños, e Olimpo da súa mitoloxía.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?