Publicada A Xanela Nº 585 | XXXVIII Semana da Familia

por parroquiacarballo

Queridos lectores de A Xanela

As comunidades parroquiais da Unidade Pastoral de Carballo expresamos o noso pesar polo pasamento de Súa Santidade, o Papa Francisco, falecido este luns aos 88 anos. Durante esta Semana da Familia, rezarase o Santo Rosario en sufraxio polo Papa Francisco, pedindo por alma deste pastor exemplar. Este domingo da Divina Misericordia, ás 12:30, celebrarase unha Santa Misa especial en acción de grazas pola súa vida e ministerio, así como polo seu descanso eterno.

Por outra banda, a Arquidiocese de Santiago de Compostela organizará un funeral para pedir polo eterno descanso de Súa Santidade. Este acto terá lugar o próximo martes, 29 de abril, ás 17:00, na Catedral de Santiago de Compostela, e será presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández. Este convite esténdese a todos os fieis, sacerdotes e membros da vida consagrada que desexen unirse a esta sentida homenaxe de agradecemento e oración.

Que este tempo de reflexión e oración comunitaria sexa unha oportunidade para honrar o legado dun Papa que sempre buscou servir aos demais cun corazón pleno de amor e misericordia.

A parroquia de Carballo celebra con ledicia a 38ª Semana da Familia e o 50º aniversario da inauguración do seu templo. Este evento especial convida aos fieis a rezar en familia, avivar a fe nos fogares e transmitir valores fundamentais á luz do Evanxeo. Ademais, brinda unha oportunidade única para renovar o compromiso coa paz, a xustiza e a solidariedade, inspirados polo legado do Papa Francisco.

Ao longo da semana, celebraranse diferentes actividades culturais e relixiosas no Salón Parroquial, que darán comezo cada día tras a misa polas familias ás 20:00 h. O programa inclúe unha variedade de charlas e eventos pensados para fortalecer a comunidade parroquial.

Neste número de A Xanela publicamos todos os detalles da XVIII Semana da Familia e da II Semana Xubilar.

Durante esta semana, a Igrexa Parroquial será Templo Xubilar, permitindo aos fieis obter indulxencias plenarias aplicables aos defuntos, sempre que se cumpran as condicións de confesar, comulgar e rezar polo Papa.

Feliz semana!

Semana da Familia 2025

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?