Invitación a participar na XXXVIII Semana da Familia

por parroquiacarballo

Queridos feligreses

Con inmensa ledicia, convido a toda a comunidade parroquial a participar nesta 38ª Semana da Familia, que este ano ten un significado especial ao coincidir co 50º aniversario da inauguración do noso templo. É un momento para elevar a nosa gratitude polo legado do Papa Francisco, confiando en que desde o ceo continúa a bendicir ás nosas familias.

Nesta semana, quero animarvos a rezar en familia e polas familias, a recordar con agradecemento a todos aqueles que fixeron posible a construción desta casa do Señor, que é o fogar da nosa familia parroquial. Que este encontro sexa unha oportunidade para avivar a fe nos nosos fogares, fortalecer os valores que nos edifican como comunidade e seguir xuntos os pasos do Evanxeo.

Confiemos en que o legado de paz, xustiza e solidariedade que Francisco nos deixou siga iluminando o noso camiño. Que nesta Semana da Familia, o amor de Deus se faga presente en cada corazón e en cada fogar, axudándonos a renovar a nosa fe con ledicia e compromiso.

Os actos da semana inclúen momentos de oración, celebracións sacramentais e interesantes actividades culturais. Quero destacar especialmente a misa polas familias todos os días ás 20:00 h, seguida dos seguintes eventos ás 20:30 h no Salón Parroquial:

  • Luns, 28 de abril: Mesa redonda sobre a construción da igrexa, coa participación de expertos e sacerdotes.
  • Martes, 29 de abril: Charla sobre a historia dos templos de Carballo, impartida polo historiador Xan Fraga Rodríguez.
  • Mércores, 30 de abril: Xubileo coas persoas privadas de liberdade, con misa e charla organizada pola Pastoral Penitenciaria.
  • Xoves, 1 de maio: Coloquio sobre as visitas pastorais na parroquia, a cargo do historiador Luis Ángel Bermúdez.
  • Sábado, 3 de maio: Xubileo dos enfermos, con celebracións comunitarias e sacramentais.
  • Domingo, 4 de maio: Día da Nai, cunha misa homenaxe ás nais da comunidade.

Ademais, durante esta semana, a Igrexa Parroquial será Templo Xubilar, ofrecendo a oportunidade de lucrar a indulxencia plenaria aplicable aos defuntos, cumprindo as condicións de confesión, comuñón e oración polo Papa.

Queridos irmáns e irmás, animádevos a participar con ledicia, aproveitando esta semana para fortalecer a unión co Señor e entre nós. Espero vervos a todos nos distintos momentos que temos preparados, compartindo fe, amor e esperanza.

Feliz semana!

José García Gondar

Semana da Familia 2025

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?