Un bispo

por parroquiacarballo

O poder ten camiños insondables que son moi difíciles de percorrer e interpretar. Incluídos os da Igrexa. Entre os clérigos da bisbarra sona dende hai tempo o dito de que Xosé García Gondar, o párroco de Carballo, ben merecería ser bispo, pero que algunha norma non escrita lle impediu selo. Mesmo o veu a dicir o ilustrado Pumar Gándara na poesía que onte lle dedicou a Gondar pola celebración do 50 aniversario como sacerdote. Foi un acto verdadeiramente solemne e emotivo nalgúns intres. Mesmo parecía un prelado o crego carballés. Arroupado por trinta curas da bisbarra e a igrexa ateigada de xente, Xosé García Gondar recibiu o calor da súa comunidade, á que non só se entregou no seu labor de pastor, senón tamén de home cun gran sentido da humanidade e da solidariedade, e así llelo recoñecen fregueses, devotos, católicos non practicantes e ata non crentes. Especialmente emotivo estivo ó lembrar a seus pais, dos que tivo que separarse 12 anos sendo neno porque tiñan que gañar cartos para pagarlle os estudos. E tamén cando dixo que quería ser enterrado no cemiterio de Carballo, coa alba e casulla de cando se ordenou, e que levaba onte, a carón dos seus proxenitores e de todos cantos veciños el foi a despedir no tempo que leva ao fronte da parroquia de San Xoán. Ata o papa lle mandou unha felicitación, e varios xerarcas. Seguramente foi unha xornada inesquecible para o crego da capital de Bergantiños, que, como adoita ser, ata tivo o momento para a graza. Carballo ten un crego que semella bispo, que senón o é ben puido selo. Non saben ben o que teñen perdido.

Fuente: La Voz de Galicia

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?