Andrés García | O carballo ten raiceiras ancestrais no corazón

por parroquiacarballo
  • EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe o sacerdote e escritor carballés Andrés García Vilariño: «(…) Nacín, pero non crecín aquí. As miñas ramas máis visibles poden dar referencias equívocas, pero en cada oportunidade de reencontro cos curmáns, cos fregueses, e cos amigos de Carballo, o meu druída interior esperta e conmóvese nas entrañas, sentindo que as raíces seguen firmes e nutricias (…)»
Xa deixei escrito hai anos que nacín na vila de Carballo co ulido das filloas no narís. Era o segundo día do mes de febreiro de hai 73 anos, día da Candeloria. Nacín «na rúa da Lagoa», como consta na páxina correspondente do Rexistro civil. Miña nai estivera facendo filloas ata poucas horas antes de sentir a urxencia da miña chegada. Nacín na casa. Miña nai estivo asistida no parto, nun primeiro momento, pola súa irmá Clotilde, quen me atou o embigo e dez días despois no bautismo foi a miña madriña. No parto, cando chegou a comadrona, xa esta pouco tivo que facer. Disto fun informado, pasado o tempo, sobre todo por miña nai. Ela procedía dunha familia numerosa que vivira anos atrás na ribeira do Añón de Bértoa. Meu pai, pola súa banda, tiña os ascendentes na parroquia de Golmar, na Laracha.
Aínda eu non cumprira o ano e xa meus pais, urxidos pola necesidade de gañar o pan, alugaron vivenda na Coruña, vivenda moi provisoria, pois un ano despois, fixaron o domicilio na Avenida de Fisterra, xusto onde hoxe se ergue a igrexa parroquial de Santa Margarida e daquela radicaba a humilde capela da mesma santa. Crecín, logo, como coruñés, nun ambiente lingüisticamente mixto, onde o castelán e o galego convivían socialmente en apracible convivencia, salvo nos medios de comunicación e nos ámbitos administrativos. Meus país falaron sempre en galego entre eles. Nun exercicio laborioso de ineludible diglosia, aos fillos falábannos nun castelán entreverado de voces galegas e servido na nobre entoación bergantiñá que descubría a súa procedencia.
De neno pasei tempadas curtas alternativamente na casa da miña madriña e na do meu lembrado padriño Lisardo en Carballo. Tamén en Golmar, na casa dunha irmá de meu pai. Eran días de mergullamento periódico na familia expandida. Sempre me sentín acollido e protexido, coidado. Vivín cos meus curmáns o clima de confianza fraterna establecido entre os respectivos pais e iso aportábame -penso hoxe- seguridade e arrimo. Os lazos familiares estreitábanse e ampliábanse. Unha das experiencias anecdóticas que recordo con moito agrado foi participar, con nove ou dez anos, como vendedor colaborador no posto de mercería que o padriño Lisardo instalaba na feira de Carballo. Encomendábame a venda específica dos populares chapeus de palla.
Así, pola educación recibida no fogar familiar e polo contacto cálido con tíos e curmáns sempre exercín de carballés e bergantiñán. Por riba, xa crego, a amizade e empatía con don José García Gondar, sobre todo, permitiume facerme presente, sempre agradecido, nalgún pequeno servizo que se me pediu para a comunidade parroquial de Carballo. Sempre me sentín carballés. De miña nai escoitei aquilo de que «Onde un nace pace». Eu, más que pacer, en Carballo comprázome, e síntome na casa, entre os meus. Aprecio moito o carballo, a árbore. A árbore que lle dá nome á vila é un símbolo fermoso e moi significativo para min. Gardo con especial agarimo unha reprodución en prata recibida como agasallo da parroquia de san Xoán Bautista. Os carballos mostran nas sucesivas estacións diferentes aspectos. Desde a frondosidade progresiva que culmina no verán, ata a desnudez e despoxo total no inverno. Toda unha alegoría sobre o que somos e sobre a nosa relación coa natureza. Coido que cada home e cada muller de Bergantiños sabe que non son as ramas visibles as que definen a vida, senón as raíces que manteñen fiel e familiarmente a nosa pertenza e patrimonio. Saint Exupêry deixou escrito en O principiño que o máis importante é o que non se ve. Pero o que se ve -engado eu agora-, se algo vale, é porque sae de onde non se ve: da alma ou do corazón.
As fragas onde o carballo crece son lugares apracibles, que convidan a facer silencio sosegado a todo aquel que se achega a elas en soidade. Estremécense, en troques, cando en días sinalados acollen a festa e o xantar familiar e comunitario. E os bailes da alegría compartida. De antiga e sólida tradición sagrada, o carballo ten raiceiras ancestrais no corazón, este corazón onde aínda resiste, acóllese e adormece o druída que todos os galegos levamos dentro.
Algo así sinto eu na miña relación coa vila de Carballo. Nacín, pero non crecín aquí. As miñas ramas máis visibles poden dar referencias equívocas, pero en cada oportunidade de reencontro cos curmáns, cos fregueses, e cos amigos de Carballo, o meu druída interior esperta e conmóvese nas entrañas, sentindo que as raíces seguen firmes e nutricias.
DNI. Andrés García Vilariño naceu en Carballo no 1946. Alumno do Fogar de Santa Margarida na Coruña dende os catro anos, estudou logo Humanidades e Filosofía no Seminario Menor e Maior de Santiago, respectivamente (1957-1965), así como Teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca (1965-1986). Foi ordenado de presbítero no 1970, de mans do Cardeal Quiroga Palacios. Exerceu como profesor no Fogar de Santa Margarida dende 1969 a 1999. Durante trece anos foi o responsable do programa relixioso «A sentinela», na TVG. Sucedeu, tamén, ao franciscano P. Isorna como responsable do programa «Santa Misa», tamén na Televisión de Galicia. Con García Vilariño, a Santa Misa saíu do plató de televisión e pasou a emitirse dende a igrexa de San Fructuoso. O carballés foi, a maiores, profesor de Didáctica da Relixión Católica na Escola de Maxisterio da Coruña, dende o 1999 ata a súa xubilación como docente no 2012. En xullo do 2013 era presentando como párroco de Santa María e Santiago, na Cidade Vella da Coruña. García Vilariño é tamén escritor: ten feito artigos de crítica literaria en Encrucillada e Grial, así como publicado varias novelas infantís: «Miro», «O globo máxico», «O segredo do novicio», «O Deus desaparecido» ou «O crocodilo na habitación». É autor, a maiores, de dúas pezas de teatro escolar.
La Voz de Galicia

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?