Hidronimia Carballesa

por

Calquera veciño terá visto planos de Carballo de comezos do século XX. Mesmo unha memoria gráfica do que era a vila hai 90 anos, recolle un plano no que aparece o Río Allones. Se Allones é un castellanismo, froito de tempos pasados, resultará que o término galego auténtico será Allóns. Pero agora encontrámonos con que en libros, revistas e sinais de tráfico aparece Anllóns.

Se acudo a recoñecidos autores, expertos en toponimia galega, dinme que esa palabra procede dun suposto “angulones”, que expresa as voltas e reviravoltas do río no seu navegar cara o mar. Confirmado, pois, Anllóns como a voz real e definitiva.

Coa terquedade de aficionado quero informarme. Acudo a “Galicia nos textos clásicos” (Romero Masía e Pose Mesura, Coruña 1988, Museo A. Provincial) por ver se o nome do río carballés aparece alí: Nada atopei, nin nos textos gregos nin nos latinos. Outros ríos galegos teñen referencias nos autores da romanización.

Consulto agora o tomo XXII, de “Galicia”, Ed. Hércules, Coruña, 1.998. Recolle o mellor da Cartografía galega:

Páx. 23. O célebre mapa de Fernando Ojea, O.P., ourensán, do 1.635. Leo: ALLÓNS.

Páx. 32, 30,40 e 52: mapas do século XVIII, todos, os catro, traen: ALLÓNS.

Páx. 64, 67, 74,77 e 98.-Cinco mapas (entre eles o famoso de Fontán), todos: ALLONES. Son do século XIX.

Polo tanto, o castelanismo ALLONES é do século XIX.

“Memorias del Arzobispado de Santiago” por Jerónimo del Hoyo (1.607): ALLÓNS.

“Geografía del Reino de Galicia” Coruña. Ed. Carreras Candi, Barcelona. Ano c.a.1.925. Escribe ANLLÓNS pero aporta o plano de Carballo con ALLONES. Plano dado polo propio Concello.

“Guía de Galicia”, por Otero Pedrayo (1.965). Na páx. 340: ALLÓNS.

“Guías Arzobispado de Santiago”. Todas en castelán: ALLONES. Agás a última en galego, no 2.012: ANLLÓNS.

“Nomenclator da Provincia de A Coruña

Edicións de 1.973 e 1.981: ALLONES

Edición de 1.991: ANLLÓNS

“Mapa de Carballo”. Edición do propio Concello. Escala 1:20.000(c.a. 1.975): ALLONES.

“Mapas do MOPU:(Topográfico Nacional de España). Escala 1:25.000(Edicións 1.989 e 2.004): ANLLÓNS

Eduardo Pondal Abente publica o seu poema “A campana de ANLLÓNS” no 1.866. e a partires deste texto pondaliano, vaise abrindo paso, pouco a pouco, ese término. Pondal refírese á campana. Pero o topónimo de San Fins vaise aplicar tamén ó río homónimo. A campana toca a oración, o poeta escóitaa aló lonxe, en Orán (Arxelia). O badalar da campana é: AN – LLÓNS, AN – LLÓNS…un compás binario, solemne, garimoso. Pondal aporta, crea esa palabra exclusivamente súa. Ben dixo el antes de morrer: “Déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro”.

Rescatado ALLÓNS, dos séculos XVII e XVIII, podemos aventurar a nosa hipótese:

Do adxectivo latino Alius, temos o acusativo de plural Alios. Que no latín medieval será tratado coma un nome da terceira declinación, e dará Aliones. A partires disto, o pobo fará ALIÓNS, ALLÓNS.

Trataríase, pois, dun topónimo que fai referencia a “outros”, “alleos”… quizais por seren un grupo humano de novo asentamento na desembocadura do río.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?