Baixas no Clero Diocesán

por parroquiacarballo

A idade, a enfermidade, a morte, veñen producindo baixas no cada vez máis escaso clero da nosa diocese. Comunidades moi ben servidas ata agora, terán que ser atendidas por sacerdotes veciños, quizá recargados con outros mesteres.
Neste tempo de Cuarentena  perdemos sacerdotes de gran valor, ós que imos referirnos como gratitude polo seu exemplo a fregueses e compañeiros.
D. Ramón Barral Camba, natural de Pantiñobre (1.936). Finou o 29- III. Foi párroco de A Escravitude. Os bergantiñáns que acuden cada ano a aquel santuario coñecen o celo pastoral do finado sacerdote. Tiven a fortuna de exercer preto del, en Padrón, uns 10 anos. Gocei da súa amabilidade, da súa sensibilidade, recibín o exemplo da súa entrega pastoral. D. Ramón sufriu un atraco na súa Casa Reitoral no ano 2.014. Desde aquela xa non se repuxo, quedou ferido no seu corpo e na súa alma. Deixou a parroquia. Pasou finalmente a unha residencia en Santiago onde finou victima da pandemia. Estou seguro que D. Ramón perdonou ós que maltrataron a súa persoa e asesinaron á súa serventa. Talmentes como Xesucristo na Cruz.
S. José Ríos Gigirey, nacido en Trazo no 1.928. Finou o 7- IV. Ordenado sacerdote o 6-VI-54. Foi párroco de S. Bertomeu de Pontevedra e Vicario Episcopal. Pasou despois a párroco de Santa Lucía na Coruña.
Por ser condiscípulo do Sr. Ríos Gigirey sei ben do seu extraordinario comportamento, da súa capacidade intelectual no tempo do Seminario. Pero o máis salientable, excepcional, de D. José está  nos seus últimos anos de vida.
Era moi escrupuloso cumplidor das normas do Superior. O día 30-I-2.014 foi á residencia arcebispal de Santiago para consultar algo relacionado coa parroquia. Subindo os primeiros chanzos (que son de pedra) da escalinata de palacio, caeu cara atrás e maguouse na cabeza, un golpe tal que xa non recobrou o coñecemento por máis que o levaron a hospitais de Santiago e Coruña. Polo tanto, 6 anos e 2 meses estivo este sacerdote nun Calvario permanente. Últimamente estaba acollido na Casa das Irmanciñas dos Anciáns Desamparados, en Eirís- Coruña. Alí tratárono o mellor que puideron. Cando o visitabamos sempre nos quedaba a duda de se nos recoñecería, ou non. Velaí unha vida que D. Xosé entregou, vivíu, como sacrificio en favor da  Igrexa, por el tan amada.
D. Luis Pastoriza Abelenda.-Nacido en Valenza-Coristanco, no 1.931, ordenado no 1.958. Párroco de Caión. Moi coñecido en Bergantiños porque aquel santuario é o máis visitado polos devotos desta terra. D. Luis renovou tanto a igrexa parroquial, como o santuario e a mesma Casa Reitoral.
Sobriño seu era o párroco de Arteixo que fixo alí Igrexa e Casa Reitoral novas.
Estes tres sacerdotes recibiron sepultura nas parroquias onde naceron. Coas medidas restrictivas que a situación impuxo. Recibirán solemnes funerais cando os tempos o permitan. Pero eles foron recordados nas Misas do Sr. Arcebispo e sacerdotes diocesanos.  Descansan  en Dios na compañía dos seus país e familiares.
Quédanos o seu recordo e o exemplo das súas vidas.
 
 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?