1975-2015: 40 ANOS DA BENDICIÓN DA IGREXA—LOUVADO SEXA DEUS
O día de San Xoán cúmprense 40 anos da inauguración da Igrexa parroquial que entre todos construimos para dar gloria a Deus e reunirse a Comunidade parroquial para celebrar os Sacramentos da fe.
Invítovos de corazón a participar nas Festas Patronais e de xeito especial na Misa de acción de gracias o día 25, festa do Santísimo Sacramento, que presidirá o Cardenal D. Antonio Mª Rouco Varela, así como na Novena preparatoria
ACCIÓN DE GRACIAS:
Con motivo deste 40º aniversario da Igrexa, quero dar gracias ao Señor, e a cantos coa sua ilusión e xenerosidade, fixeron posible a construcción do templo-edificio e tamén da igrexa-comunidade de pedras vivas durante estes 40 anos. ¡Que Deus vos bendiga e recompense!
RENOVA / RESTAURA A MIÑA IGREXA:
Fixemos agora obras importantes de restauración no templo, para facelo máis acolledor: nova iluminación, piso de madeira, pintura… Isto faime lembrar as palabras de Xesucristo a Francisco de Asís: ”Francisco.. Necesítote. Renova/reconstrúe a miña Igrexa”. Pois tamén repito estas verbas de Xesús a todos os carballeses: ”renova a fe no teu corazón… renova a vida cristiana na tua familia… renova a fe, a esperanza e a caridade na nosa parroquia…” “Recupera a ledicia de crer e a beleza da fe“ (Benedicto XVI)
CASA ABERTA:
Sempre a nosa preocupación foi “ acoller e abrir portas”. Reiteramos a invitación a todos: Vinde e entrade, volvede á Igrexa, xa que a parroquia ten as portas abertas, donde todos poidan sentirse acollidos, amados, perdoados e invitados a participar na Eucaristía”. Queremos que a Igrexa parroquial sexa una casa solidaria para compartir, un oasis de silencio e oración, un Hospital de campaña para curar as feridas da alma. Unha parroquia multixeneracional, na que queremos atender e ofrecer participación a nenos, xóvenes e maiores.
A todos, pero especialmente a cantos durante estes 40 anos recibistes o Bautismo, a Primeira Comunión, a Confirmación e o Matrimonio neste templo… repítovos de corazón: Vinde …volvede ….entrade….!.Volve a una vida cristiana en familia e a recibir os Sacramentos.
Pido ao Señor por intercesión da Virxe María, e do noso patrono San Xoan Bautista que bendiga e recompense a todos.¡Felices festas¡
José García Gondar