Publicada A Xanela Nº 300

por parroquiacarballo

Hoxe estamos estamos de aniversario. Cumprimos 300 números. 300 semanas, 2.100 días, 6 cursos (2013-2019) intentando abrir non só a xanela senón a porta da nosa parroquia de par en par… para informar, comunicar e invitar a entrar participando nos Sacramentos e na vida da Comunidade. 300 semanas distribuindo cada domingo 600 exemplares da xanela  en papel, preto de 300 enviadas por whatsapp e 800 por email. E durante estos anos  está aberta unha a Xanela máis grande  que é a  WEB: parroquiacarballo.org

Ao chegar as 300 xanelas queremos facer un libro recollendo unha escolma do publicado, como agradecemento a cantos colaboran a manter a parroquia viva e aberta, e reiterando a invitación a todos a volver a Casa, entrar e participar.

Aproveito esta data para solicitar outra vez  a Radio Voz que nos abra de novo a xanela do programa “A Voz da Igrexa en Bergantiños” que durante 30 anos  estuvo en antena.

Dioloqueira que poidamos chegar a publicar outros 150 números da Xanela, que coincidirá cos meus 50 anos de servizo a esta querida parroquia de Carballo e xuntos dar gracias ao Señor.

Publicamos tamén un artigo de Xosé Pumar, “No Castrillón de Lema”, así como dúas noticias de actualidade. Por unha banda, toda a información relacionada co primeiro encontro de familias e noivos o próximo día 21 de setembro, un día para “VIVIR A ALEGRÍA DE SER FAMILIA”. E por outra banda, a homenaxe a Dositeo Valiñas, polos 75 anos de párroco de Ribadumia. O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu os actos relixiosos e de homenaxe deste sacerdote de 98 anos de idade e que cumpriu 75 de vida pastoral nas parroquias de Santa Baia e San Xoán de Leiro, ambas de Ribadumia.

Informar que terminado o verán, aínda que a Parroquia non pechou por vacacións, estamos a programar o novo curso pastoral 2019/20. A partir da próxima semana ábrese a matrícula para o Catecismo, que dará comezo a primeira fin de semana de Outubro. E o día 30 de setembro na Reunión do Consello Pastoral faremos a presentación do Programa Pastoral da Parroquia e Unidade Pastoral. Pedímosvos que nos axudedes a programar o traballo co plan pastoral para o próximo curso e que nos deades voso parecer respondendo o cuestionario publicado neste número da Xanela.

Finalmente, comentar que AFABER convídanos a participar nos Actos durante esta semana Mundial do Alzheimer. O vindeiro domingo día 22, na Misa de 12,30 pediremos por todos os enfermos e as súas familias.

Feliz semana!

José García Gondar

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?