Xosé Antonio Andrade Figueiras: "será un encontro de irmandade na fe para cantos, como D. Xosé, militan na crenza relixiosa"

por parroquiacarballo

Xa sei que pode parecer unha imperdoable intromisión; pero, como se dun troiano informático se tratara, e sin que sirva de precedente, vimos a “suplantar” por esta vez a D. Xosé Pumar na súa páxina. Vaia por diante, para que ninguén se alarme, que este goza de boa saúde, pese aos seus 88 anos. Se andamos por esta Xanela Semanal é precisamente para testemuñar en vida del o noso afecto e a nosa admiración, nutrientes que adoitan producir mellor colleita no corazón das xentes que nas lápidas do cemiterio. Desexámoslle aínda tan larga e sosegada existencia que, se non resultara irreverente, atreveríamonos a cantar, a dúo co el (é un excelente tenor), aquela canción de Joaquín Sabina que di “el cura que ha de darme la extrema unción no es todavía monaguillo”.
Brincadeiras a un lado, tamén moi saudables para o espírito, o Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB), con sede e pouso nesta vila carballesa, acaba de cumprir vinte anos de frutífera andadura. E a súa Xunta Directiva considerou que, á marxe doutros actos, era de xustiza render unha homenaxe a quen estivo na xénese creadora da entidade cultural, amén de ser o seu primeiro Presidente. O evento, que terá lugar o vindeiro día 8 de febreiro, darase a coñecer cumpridamente a través dos medios de comunicación. Mais pareceunos que esta folla parroquial é o vínculo máis inmediato entre o homenaxeado e as xentes que, día a día, arroupan nel coa súa desinteresada amizade. De aí vén esta intervención intrusiva, que agardamos saberán desculparnos.
Agardamos, pois, que na tarde do vindeiro sábado (de 18 a 20 h.) o Salón de Actos parroquial, amablemente cedido a tal fin, se encha de amigos e amigas do noso querido cronista, para deixar constancia emocional da gratitude que, dun xeito ou doutro, todos os bergantiñáns lle debemos. Sen dúbida algunha, será un encontro de irmandade na fe para cantos, como D. Xosé, militan na crenza relixiosa. Pero, sobre todo, servirá tamén para recoñecer a Pumar a súa condición de traballador abnegado a favor da cultura e da preservación dos valores identitarios de noso.
Acompañalo cariñosamente aquel día non será só unha maneira de deixar imaxes individuais e colectivas para a posteridade, tamén útiles e necesarias para a historia dos pobos, senón que contribuiremos sobremaneira a reforzar a nosa autoestima como país. Agardamos a presenza e o arroupe sincero de todos vós. Vaia, entanto, desde este foro de aberta amizade, a nosa aperta anticipada.
X. Antonio Andrade Figueiras, é membro da Xunta Directiva do IEB.
 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?