Santo patrón, estamos aquí, mais un ano, para traer a cerna do traballo que aínda está por facer, porque pasados tempos de incerteza, vemos con ledicia como as landras volven xermolar.
Sabemos que calquera tempo, tamén o presente, está chamado a se converter en pasado e que o tempo escuro do recente pasado aloumiñará cada segundo do mellor que está por vir.
Fomos, pouco a pouco, limpando o medo, abrindo as gaiolas de fóra e dentro, protexendo a quen o precisa, construíndo chanzo a chanzo a nova seguridade que tanto estamos a desexar.
Volvemos con ledicia a falar nestas datas, santo patrón, da xuntanza da xente, do arrolar das palabras, do labrado con milleiros de mans que residiron entre nós, pero volvemos tamén do cansazo dun camiño que aínda así continúa preto da beira dun río manso a procura do mar que nos dá vida.
As nosas searas unen en nós o océano e a terra para seguir levedando o pan que nos identifica mesmo lonxe dos nosos lindeiros, moletes que sentiron as mans rexas e expertas e que moitas delas, tremendo das trabes do noso ceo, foron erguendo o solar do noso concello coa sensibilidade de sentimentos que tamén nos fixeron bagoar coa dor das moitas ausencias.
Por iso, patrón San Xoán, queremos que o camiño se volva rexo para manteren a firmeza da vida. Mais queremos tamén acoller a quen o precisa, ser solidarios, con imaxes que arrepían, nestes tempos nos que tamén foron solidarios con nós porque aprendéronnos que sempre temos que agradecer a quen nos acolleu e deu traballo.
Somos parte do río da vida no que como galegos e galegas buscamos ese mar sen rexistro de propiedade, pois os camiños son sempre regresos cando se comparte a mesma terra, as mesmas fontes, o mesmo ar e o mesmo desexo do traballo que queremos neste pobo que se chama Carballo.
Pedimos un ano mais, patrón San Xoán, que nestes tempos recentes de fondas treboadas no corazón de quen sinte, acollas e axudes a toda a nosa xente, alumnado e profesorado, a toda, e comprendas que precisamos da túa cuncha protectora chea da auga do Anllóns e da forza das novas landras vizosas para superar a forte dor que nos amola agora.
Acolle so nosos traballadores e empregados, é as xentes do comercio e mais da industria, de todos os oficios e todos os saberes. Grazas polo que levamos feito e perdóanos cando non deamos atinado nas decisión. Que as túas augas reguen de felicidade o corazón de quen queremos seguir sendo bos e xenerosos. Concédelle a esta terra o non perder os seus polo mundo, pois somos xente traballadora nunha terra rica e na que ninguén quere apagar a luz para poder no futuro seguir gozando da túa festa.
Sabemos que contamos coa túa axuda que pedimos e agradecemos un ano máis. En nome de todos dixen.