O moderador da UPA de Carballo, José García Gondar, fixo pública a súa tradicional mensaxe de Cuaresma cun chamamento firme á conversión e ao reencontro coa fe, convidando á comunidade a vivir este tempo litúrxico como unha oportunidade de regreso interior. Baixo o lema “Fillo, volve aos brazos de teu pai”, apelou á imaxe dun Deus que “non se cansa de esperar” e que acolle con alegría a quen retorna.
García Gondar convidou aos fieis a aproveitar este tempo litúrxico para recuperar espazos de oración e vida sacramental: “Nesta Cuaresma, busca tempo para confesarte, para a Eucaristía, para a oración, para vivir a caridade”. O moderador da UPA insistiu en que a chamada de Deus é constante e agarimosa. Fronte á figura do irmán maior da parábola do fillo pródigo, lembrou que quen realmente espera e abraza é Xesús, “que na cruz, cos brazos abertos, nos quere abrazar”.
A mensaxe foi pronunciada diante do mural do fillo pródigo no adro da igrexa parroquial de Carballo e tamén diante do Cristo restaurado da parroquia de Lema, unha imaxe que, segundo García Gondar, simboliza a invitación a “restaurar a vida” e deixar que Cristo “cure as feridas” de cada persoa. “Ninguén te ama como eu”, recordou.
Concluíu animando á comunidade a vivir a Cuaresma como un regreso sincero ao Señor: “Que El nos abrace coa súa misericordia”.
