Este ano tivemos un pregón poético. Interviron dous destacados poetas, que coa súa inspiración crean poemas e declaman con arte.
I.- Tivemos o gran honor de ter connosco a Sara Sande Balsa, invidente desde hai máis de trinta anos por causa dun proceso maligno que os mellores médicos non puideron atallar. Pero Sara vive a súa Fe cristiá con toda entrega e devoción. A súa producción poética é moi extensa. Ogallá un día se poida publicar toda, para reavivar a nosa vida, ás veces tan decaída, e tamén disfrutar en horas de vagar.
Na freguesía de Oza coñecen ben a obra poética de Sara, pois en moitas festividades, os seus poemas solemnizan as celebracións. Lembramos ben un poema de Sara adicado a Sta. Lucía, patroa dos invidentes. Outro, á Nosa Sra. do Carme.
Sara é moi sensible ós acontecementos que traen dor á humanidade: accidentes, mortes, guerras, fame. Estes son puntos recurrentes no seu poemario.
Recitou Sara un poema a Cristo Crucificado que a ela lle inspirou aquela imaxe que hai na parroquia de Oza.O segundo poema foi para Nosa Señora das Dolores, da que Sara é tan devota.
Aquí temos, pois una poetisa que se vale da súa intelixencia, da súa memoria, e coa axuda dunha pequena gravadora, vai chegando á redacción definitiva de cada poema, que expresa o sentemento interior de Sara.
Escoitamos a oración vivificada que nos ofreceu Sara Sande Balsa, e, ao depar dela, fomos nós erguendo a mente a Cristo Crucificado e Resucitado na pasada Semana Santa
II.- Seguidamente actuou Donato Vázquez Mareque, coñecido tamén como Donato de Eira Pedriña, que tal é o pseudónimo co que ten firmado moitos artigos saídos da súa man.
Donato naceu e criouse nesa aldea da parroquia de Bugallido. Fronte a ela, está Bastavales e as súas campanas que inmortalizou Rosalía. O badalar destas campás fixeron xurdir o xenio poético de Donato.
Gran musa inspiradora para el foi o párroco de Bugallido, e despois de Cereo, en Bergantiños, que era D. Cipriano Reiriz de Dios. A el adicou Donato os seus mellores versos, que se poden ver nalgunhas igrexas do concello de Coristanco.
Pero Donato, ademais de creador, é un gran recitador de poemas dos nosos mellores poetas galegos: Rosalía, Curros, Pondal e San Luis Romero. En varias ocasións, aquí en Carballo, na Coruña, e noutros lugares, Donato ten dado recitais de poesía por máis dunha hora de duración, sen apoio escrito ningún, tan só valéndose da súa prodixiosa memoria, que lle permite recitar con extrema fidelidade ao texto orixinal.
Donato crea poemas en galego e castelán e nesas mesmas linguas recita. Como ten gran oído musical, sabe escoller e valorar os poemas que leva no seu repertorio.
Nesta ocasión, Donato ofreceunos poemas clásicos da mellor lírica castelá. Así como un famoso soneto, anónimo, que para moitos é o mellor da literatura do noso Século de Ouro.
Ademais de quedar prendados da beleza oral que escoitamos, fixemos dela a mellor oración, introducíndonos na Semana Santa Carballesa.