Programa Pastoral da Parroquia de Carballo e da Unidade Pastoral

por parroquiacarballo

Queridos carballeses:
Este é o 45 curso entre vós ao servizo da nosa querida parroquia de Carballo. É motivo para dar moitas grazas a Deus por toda esta vida e anos de historia.
Grazas a Deus por todas as persoas que fixeron posible, en tantos anos de amor e servizo á Igrexa, vivir na comunidade parroquial que hoxe coñecemos e temos.
Presentamos en “A Xanela Nº 21” a Memoria de Cáritas Interparroquial de Bergantiños e  o Programa dos Cursos formativos e de servizos sociais  2017/18, que a Parroquia  ofrece a través de Cáritas e do Centro Social San Xoán Bautista.
Nesta Xanela presentamos o Programa Pastoral de Carballo e da Unidade Pastoral, que ten como obxectivo “poñer en práctica as orientacións do Sínodo Diocesano en orde á renovación pastoral da nosa Diocese”, e facer chegar a todos a invitación “volve a casa da man de María” como proclama  o atrio aberto e a imaxe da Nai da Misericordia.
“Volve a Casa da man de María”
Sempre é tempo de volver! E Deus ten un camiño para cada un. Iso é o que  a Virxe nos está pedindo desde a súa imaxe na Capela da Milagrosa, e da imaxe da Mater Misericordiae do atrio renovado da igrexa parroquial…
Era a invitación do Ano Xubilar, e que de novo queremos proclamar durante o novo curso.
Queremos animar aos desanimados, desesperados, aos que se afastaron de Deus e se senten perdidos e sen salvación, aos que empezan a crer (ou en realidade sempre o fixeron) e non coñecen o camiño de volta a Casa. Se estás neste grupo, non temas! Antes de que te afastases, xa Deus estaba a esperarte e María ofrécenos o seu colo maternal.
E como non! No noso camiño descubriremos unha man cariñosa que estreitará a nosa e guiaranos á Casa: María, que como Nai non se cansa de esperar e  repítenos o seu desexo de que coa nosa familia  acheguémonos a Deus.
Queremos que a Igrexa parroquial sexa unha casa solidaria para compartir, un oasis de silencio e oración, un hospital de campaña para curar as feridas da alma. Unha parroquia multixeneracional, na que queremos atender e ofrecer participación a nenos, novos e maiores
A todos, pero especialmente a cantos durante estes 45 anos recibistes o Bautismo, a Primeira Comuñón, a Confirmación e o Matrimonio neste templo, repítovos de corazón: Vide! Volvede!. Entrade! Volve a unha vida cristiá en familia e a recibir os Sacramentos!
Pido ao Señor por intercesión da Virxe María, e do noso patrón San Xoán Bautista que bendiga e recompense a todos.
Feliz curso para todos!
José García Gondar
 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?