“Camiño de vida”

por parroquiacarballo

Invocación que o Alcalde D. Evencio Ferrero presentou ao Patrono, San Xoán Bautista, en nome de todos os carballeses.
Santo patrón, o camiño que desexamos longo para o ser humano, sempre principia cun primeiro paso entre os seres que quere, á porta do seu fogar, entre os que o ven medrar e aos que fai felices cos aloumiños porque senten as voces agarimosas que conformarán a membrana dos seus sentimentos e da súa identidade. Un camiño feito tamén entre os muros e as tebras de pedra da dureza da vida, entre o chan e as reixas, as portas, o aire, as fiestras, as olladas tamén de pedra. Mais os corazóns da xente nunca serán de pedra porque os días fixéronse anos e botámonos a camiñar por lugares que abren o día.
E eles, os días, fixéronnos sensibles aos sentimentos máis humanos que nos fan tremer pola dor da ausencia. Por iso procuramos que o camiño sexa rexo para manteren a firmeza da vida.
Seguiremos, malia a dor, traballando a terra e o mar, sen os mancar, pero procurando sempre a mellora e agardando os seus froitos, bebendo nas cuncas das mans de todos os oficios e todos os saberes, construíndo un futuro de xustiza para todos nós, por iso, un a un, pregamos o teu amparo para este noso pobo.
Como a árbore que dá nome ao noso concello e nos dá a nosa cerna vital, acolle na súa sombra protectora a quen xa non está entre nós, por iso, santo patrón, pedímosche a túa protección e amparo en todas as horas da noite e do día, en todos os lugares e todas as estradas, para toda a nosa xente, comprometida, alegre e solidaria, que constrúe e se indigna, para que sempre nos sintamos fillos orgullosos de esta terra e con ela da beleza e dos sentimentos máis humanos.
Pedimos santo patrón para quen procura con honestidade os froitos da vida, para os traballadores e empregados e ás xentes nosas do comercio e mais da industria, do agro e do esforzo, mulleres e homes que procuran darlle aos seus o fogar que os faría máis felices para que se sintan sempre fillos orgullosos desta fermosa terra da que procuramos o froito a carón de un río que sempre nos dá alento. Grazas polo que levamos feito nesta tarefa permanente de ser día a día da terra e do tempo, que as augas do Xordán cheguen ata nós e sigan a regar de felicidade o corazón dos nosos carballeses porque seguen a ser bos e xenerosos, concédelle a este pobo o non perder aos seus polo mundo. Sabemos que contamos coa túa axuda que pedimos e agradecemos outro ano máis.
 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?