Invocación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a San Xoán Bautista

por parroquiacarballo

Regar de ledicia os corazóns
Santo patrón, respectamos -con amor- a terra que foi enriquecida coa vida dos nosos antergos, as árbores que vimos medrar e que da semente agromaron co coidado das mans que nos agarimaron, as fontes da auga que crea vida e nos nutre para descubrir tamén a nosa fraxilidade como pobo na pasada invernía, cando as noites eran longas e o río que nos une foi bravo e devastador. Anda o viaxeiro para volver nestas datas, pois son os camiños sempre regresos, porque compartimos a mesma terra, as mesmas fontes, o mesmo ar e o mesmo desexo da beleza por vivir a carón de quen queremos ou de retornar ao fogar no que demos os primeiros pasos na memoria esquecida.
Pedimos un ano máis, patrón San Xoán, que nestes tempos de choivas fortes e fondas treboeiras, acollas a toda a nosa xente, a toda, e comprendas que precisamos da túa cuncha protectora chea de auga de felicidade recollida no baixar manso do Anllóns cando vai á procura do mar. Acóllenos un a un, patrón San Xoán, ti que es o Bautista, para manter a dignidade da tarefa escollida, porque somos pobo que demostrou de cote moitos oficios e saberes, e pedimos se nos conceda cumprir coa xenerosidade do esforzo para que os humildados, día a día, podan seguir chegando ao seu fogar, co lume aceso, no que os máis pequenos sintan o colo protector da dozura do aloumiño coa calosidade das mans.
Procuramos a luz que ven da mar toda e que nos dá o alento vital para o amasar, ao igual que co molete que nos identifica, con todo o vivido e todo o soñado, porque coa túa axuda protectora, patrón San Xoán, non nos han derrotar a esperanza.
O acervo colectivo é o que temos por herdanza, por iso queremos seguir cultivando a terra sen a mancar, co respecto secular a esa nai que nos proporcionou fartura, para que sempre nos sintamos fillos orgullosos dela e con ela da beleza dos sentimentos mais humanos.
Grazas polo que levamos feito, que as augas do Anllóns sigan limpas, e sempre na súa canle acolledora, para regar de felicidade o corazón dos carballeses. Felicidade que agradecemos un ano máis no nome de todos quen entre nós convive, porque sabemos que contamos coa túa axuda.
 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?