Cadaquén ten o seu tempo, o reloxo interior onde leveda outro tempo, e todo nós, santo patrón, sabemos que tras os tempos veñen tempos e outros tempos han de vir.
Tempos que virán labrados con milleiros de mans humildes e traballadoras que moverán penedos coa xema dos dedos ou mans que fixeron pontes, cestas e torres no mar. Mans que termarán das trabes do ceo para erguer o solar do noso concello.
Os nosos eidos son de pan sen fronteiras no que escoitamos a voz que nos arrolou e que nos viu medrar, sentindo os abrazos que tivemos noite e día, procurando amigos con quen compartamos a felicidade da túa festa, e fomos aprendendo no laborioso proceso de gañar a vida con bágoas, estrela e ilusión para seguir pedindo saúde, traballo e futuro.
Un futuro que nos permita sempre acariñar a quen queremos,, protexer a quen o precisa, procurar construír en cada chanzo de existencia o acompañar a quen sufra na dolorosa ausencia para superar a total crueldade do momento que precisamos compartir a dor.
Houbo que limpar o medo, abrir as gaiolas de fora e de dentro, porque o futuro ten que servir para vivir a felicidade de estar con todas as persoas que formamos a comunidade.
Igual que o océano e a terra se unen en nós, a nosa tristura sabe rir, e queremos que a festa sexa sempre motivo de unión e celebración para seguir construíndo dia a día, pedra a pedra, todo o que nos move e nos fai felices, guiados pola túa luz e superaremos a arte de caer coa a arte de erguerse.
Será un labor de todos , calado, incansable, silandeiro, e por iso seguimos a precisar a tua axuda. Neste día en que se activa máis o sentimento de carballeses, estamos pedindo ao santo patrón toda axuda e toda a comprensión.
Pedimos para toda a nosa xente: nenos, mozas, maiores, presentes ausentes, traballadores e comerciantes, empresarios e autónomos, para todas as persoas que viron trocar a harmonía da vida e padecer na nova realidade unas dificultades que ninguén de nós fomos capaces de albiscar, pero todo será nacer para volver aos días en que ninguén quere apagar a luz para gozar da túa festa. Grazas polo que levamos feito, que as augas do Anllóns reguen de felicidade o corazón dos nosos carballeses que seguen os bos e xenerosos. Sabemos que contamos coa túa axuda que pedimos e agradecemos outro ano máis.