O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños

por

O Instituto de Estudos Bergantiñáns vén de facer á cultura desta terra un dos seus mellores servizos. Publica unha obra de 350 páxinas dedicadas a análise de canto supón para Bergantiños o seu río máis coñecido. A tpponimia e hidronimia, a historia, a cunca hidrográfica, as parroquias polas que transita, espacios naturais, a saúde do río. Nestes apartados entra o estudo das pontes, pazos, mosteiros, igrexas, férvedas, persoeiros, afluentes, muiños, aproveitamentos económicos. Todo acompañado de fotografías antigas e modernas.

A paisaxe da desembocadura do Anllóns, sen duda a máis deslumbrante de Bergantiños, vai nas portadas do libro. Penso que os bergantiñáns Terán admirado desde o cume do Monte Branco esta fantástica visión.

A obra é unha enciclopedia do mellor Bergantiños. Un tesouro para colexios e familias.

Ben o comprenderon así os concellos patrocinadores: Carballo, Coristanco, Laracha, Ponteceso. Todos afectados e favorecidos polo paso do río.

Para unha tan complexa e ten ben harmonizada obra, requírense especialistas nos diferentes campos da investigación. Formaron un equipo que xa ten moita experiencia en froitos no seo do I.E.B. Baste percorrer o seu ben nutrido catálogo dedicado a Bergantiños. Non hai moito publicaron un traballo sobre o Río da Ponte do Porto.

Os nomes destes competentes e celosos autores son: Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada e Luis Giadás Álvarez. Cómpre felicitalos cos meirandes parabéns. Quedaron os seus nomes inmortalizados nunha obra de valía secular que admirarán e na que se formarán as futuras xeracións.

A correspondencia a este esforzo debe ser un mellor tratamento, coidado, do río. Sorprendeunos ver na páxina 35 que o Anllóns é, entre os 10 principais ríos de Galicia, o de menor caudal medio: 11,4 metros cúbicos por segundo.

Pois ben. Este río ten que soportar a carga da poboación de Carballo (20.000 hs) e outras máis. Os rebeireños, os que cultivan terras preto do río, os pescadores… temos que vivir con responsabilidade ecoloxista para non danar as augas das que, cada carballés, por exemplo, consume uns 170 litros por día.

Certo que os ríos teñen a súa autorexeneración no seu navegar; que os afluentes poida que veñan limpos; que hai estacións depuradoras…Pero todo sería insuficiente se os particulares non colaboramos. Hai ríos que son escravos dos nosos descoidos. Que non pase así co río tan amado por todos, especialmente polos autores da obra que  comentamos.

Ábrese este libro cun limiar da autoría de Xosé A. Andrade. Os escritos da súa man son moi paisanos, moi introducidos nos costumes do pobo que Xosé A. capta e narra con ironía e amabilidade, pois recursos ten  abondo para facelo.

Benvido este libro ás mans de todos os bergantiñáns.

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?