Queridos lectores de A Xanela
Un ano máis chega a Festa de San Xoán Bautista, Patrón de Carballo. Son días para a ledicia, a convivencia fraterna, para xuntarse a familia, lembrar os que nos precederon, e compartir cos que o pasan mal.
Tamén para renovar a nosa vida cristiá. Por iso, invítovos a todos os carballeses a participar con especial devoción nos actos relixiosos das Festas:
O sábado 24, na Misa do San Xoán, unímonos á invocación que en nome e representación de todo o pobo, o alcalde presentará ao patrón San Xoán Bautista. Que nos siga protexendo e axudando!
O domingo 25, é o día grande do Santísimo Sacramento que celebraremos con Misa solemne e Procesión, para tributarlle a homenaxe da nosa louvanza e acción de grazas a Xesús Sacramentado e pedirlle que bendiga a todas as familias de Carballo. A Procesión será deste xeito: Levaremos o Santísimo Sacramento nunha carroza engalanada, acompañado polas autoridades, os funcionistas e todos os devotos. A procesión irá polas Rúas Coruña, Gran Vía, Cervantes, Valle Inclán, Vázquez de Parga, Praza Galicia. Nos tres altares de costume daremos a bendición. Invitamos aos devotos a engalanar as xanelas e balcóns e, con pétalos de flores, aclamar ao Señor cando pase pola vosa rúa, e os demais a participar desde as beirarrúas con respecto e devoción facendo o sinal da Cruz.
O luns 26 e o martes 27, mostraremos o noso cariño de fillos á Virxe María nas advocacións da Nª Sª do Carme e do Perpetuo Socorro, poñendo a toda a Parroquia no seu regazo de Nai.
Nestes días da festa tamén rezaremos polos enfermos e teremos unha pregaria agradecida polos nosos defuntos.
Ao sentir o estoupido das bombas de palenque durante a Procesión tamén lembramos a Ucrania e a todos os pobos onde hai guerra. Pedimos a Paz para eles e para as familias nas que hai violencia.
O meu sincero agradecemento aos funcionistas, á Coral de Bergantiños, a todos os voluntarios da Parroquia e de xeito especial aos que durante este Ano da Caridade co seu traballo e colaboración xenerosa axudan desde Cáritas a cantos están sufrindo la falta de traballo e necesidades básicas.
Deixo aquí unha invitación a participar nas festas patronais:
E a xanela desta semana con todos os actos e celebracións para estes días
Que o Señor, por intercesión da Virxe Nosa Nai, e do Patrono San Xoán Bautista, vos bendiga a todos. Moitas grazas e felices festas!
O voso párroco,
José García Gondar