Queridos lectores de A Xanela:
Esta semana publicamos o número 500 de “A Xanela”, a Folla parroquial da Unidade Pastoral de Carballo, que ininterrumpidamente desde hai algo máis de 9 anos se elabora cada semana.
É este un número especial, do 13 ao 27 de agosto, no que se recolle de forma detallada todo o referente ás celebracións da Novena e da Festa da Milagrosa.
Por iso con corazón agradecido quero recordar que fai 12 anos, o día 4 de setembro: Mons. Julián Barrio presidiu a Misa de Apertura do Ano Xubilar Mariano da Milagrosa, e o día 6 de decembro: Celebrouse a Vixilia Diocesana da Inmaculada para a mocidade.
Fai 11 anos, o día 3 de setembro: Mons. Julián Barrio clausuraba o Ano Xubilar coa coroación canónica da imaxe da Virxe Milagrosa
Fai 10 anos, o día 1 de setembro: Mons. Julián Barrio bendiciu a Casa de Acollida da Muller “Fogar Dª Basilisa”.
Ao cumprir 12 anos do Ano Xubilar agradecemos a D. Julián, que como arcebispo emérito veña de novo para invitarnos a renovar a nosa consagración á Virxe Milagrosa.
Ao longo de estes anos temos ofrecido a Virxe, como mostra de cariño e devoción: as Vidreiras da Capela, o Cruceiro, o Mural, os 6 cadros con escenas da vida de María, a Fonte da Milagrosa cos 7 caños(sacramentos), o Xardín dos olivos.
Na festa deste ano presentamos como ofrenda o proxecto da colocación do Via Crucis e do Rosario no patio interior da Capela.
Neste aniversario da Coroación da Nosa Señora escoitemos a invitación que María nos fai novamente de “volver a Xesús e renovar en familia a vida cristiá, vivir os Sacramentos e a Caridade”. Tamén se pode pasar ante a imaxe da Virxe en calquera momento, xa que a Capela está aberta durante todo o día.
Vivamos con devoción especial a Novena e a Festa da Milagrosa deste ano.
Aquí tedes o Programa.
Acudide e animade aos vosos!
José García Gondar