A Berenguela

por parroquiacarballo

Cando o arcebispo Rodrigo del Padrón empezou esta torre da catedral chamabanlle a Torre da Trinidade. Despois, o arcebispo Berenguel continuouna para facer un forte defensivo fronte os atacantes composteláns. Chamáronlle A Berenguela, como é frecuente no mundo eclesiástico. Así temos a Capela Sixtina en Roma, obra dun papa chamado Sixto.

No século XIX puxeron o gran reloxo e pasou a chamarse a Torre do Reloxo. No século XVII, Domingo de Andrade fixo a admirable Hibridación que hoxe comtemplamos e dela dixo o noso Otero Pedraio que era a máis fermosa torre de Europa”.

Despois de dous corpos de base rectangular, toma base octogonal como para penetrar nos ceos. E remata coa farola dos Anos Santos que avisa ó mundo que estamos no Ano da Gran Perdonanza.

A esta torre subíu o noso matemático e xeógrafo Fontán para iniciar desde aí os traballos da súa Carta Geográfica de Galicia (1.834).

Faro de Galicia, pois. Os outros faros da nosa terra serven como repetidores da luz da Berenguela. A costa galega precisou deses faros como axuda á navegación. Hoxe, os medios técnicos de a bordo son tales, que os faros son recordos do pasado, monumentos turísticos a visitar e conservar.

Foi tal a popularidade e admiración causada pola torre que moitas torres parroquiais foron deseñadas como sínteses da Torre do Reloxo. Así, as torres do santuario da Escravitude, a de Bastavales.

Aquel ancián, Pelaio , de Solovio, no Libredón (hoxe Compostela) disque viu luces onde estaba o sartego do Apóstolo. Eran as velas que os devotos levaban alí, sabían a quen veneraban, anque non así no mundo hispano tan convulso naqueles tempos.

Velaí, na farola da Berenguela, a luz que antes ca ninguén descubriu Pelaio, pero o significado é o mesmo. Avisa a todos que o Apóstolo Santiago nos espera na súa catedral.

Ben sabido é que Domingo de Andrade, arquitecto da Catedral, era de Cee, o seu nome, pois, honra a Costa da Morte. Finou viúvo,finados os seus fillos, moi novos, fíxose sacerdote. O Cabido deulle sepultura na capela de Prima, na Catedral.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?