A pena de morte

por

O papa Francisco, vén de declarar que sempre, en toda circunstancia, é inmoral. Fundamenta isto na dignidade da persoa humana. Polo tanto, temos por parte da Igrexa unha defensa da vida humana, como fai nos casos de aborto ou eutanasia.

Se miramos ó pasado vemos que hai un avance na doutrina da Igrexa no caso da pena capital. Na Biblia (Antigo Testamento), na historia da humanidade, e na mesma Igrexa aparece a pena de morte. O avance prodúcese en favor da caridade, da xustiza, pola persoa humana. Avance na doutrina, baixo a acción do Espíritu Santo (Xoán, XVI, 13 ). Chaman os teólogos a este progreso: evolución homoxénea do dogma, evolución por inclusión, por penetración nas verdades do Evanxeo.

Vexamos un caso que pode ofrecerse como dificultade. Está no libro Feitos dos Apóstolos, capítulo V. Alí un matrimonio aparenta dar todo o resultado da venta dunha propiedade, e só dá parte. Minte. San Pedro fulmina a este matrimonio coa morte. Tanta crueldade en San Pedro? Admisible?

Esa actitude non corresponde co Pedro que coñecemos polo resto do Novo Testamento. Pedro ama a Xesús, pero é fráxil, cae, arrepíntese, é perdoado. (Lucas XXII, 61; Xoán VIII, 14; XXI, 15). Con esta experiencia de perdón, Pedro disculpa ós seus paisanos pola morte de Cristo (Act. III,14); cede comendo con xudeus gardando a Lei de Moisés, que fora derogada (Act. XV); Pedro tolera, aguanta a corrección de Paulo por este feito (Gálatas II, 11); e manifesta o seu amor por Paulo (II de Pedro, III,15); e asegún nos di Tertuliano cada mañá Pedro choraba lembrando o seu pecado cando negou a Xesús (Marcos, XIV, 66); Pedro amaba a Xesús (Xoán, XXI, 15 ss).

Qué dicir, pois, en concreto, sobre Act. V? Parécenos que é o intento dun autor que pretende dicir que o pecado contra o Espíritu Santo é o máis grave. Rompía a unidade naquela comunidade de Xerusalem. Pedro daría a súa amonestación a ese matrimonio. Pero o escritor en cuestión compuxo unha narración de escarmento, exemplarizante.

Coidamos que non foi San Lucas quen contou así a escena. No cap. I do seu Evanxeo xa nos di que foron moitos os que compuxeron textos sobre os acontecementos de Cristo. A escena de Pedro corresponde ós inicios en Xerusalem. Lucas incorpórase cando empeza o ministerio de San Paulo, que cubre a meirande parte dos Feitos dos Apóstolos. E aceptou no seu libro unha narración que atopou feita, divulgada, en Xerusalem por escritor anónimo, esixente de carácter.

Como din os expertos biblistas, trataríase dunha cita implícita que Lucas insertou no seu libro (Dei Verbum, nº 12 que resume ideas de Pío XII, no 1.943, sobre xéneros literarios na Biblia).

Xosé Pumar

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?