“A pesca en Muxía”

por parroquiacarballo

Despois de tantos libros publicados sobre a Costa da Morte, A Romaría da Barca, Muxía, Moraime…, Xan Fernández Carrera vén agasallarnos cun traballo máis: “A pesca en Muxía”. Poucos haberá tan preparados coma el para tratar a tradición pesqueira de Muxía. A isto dedica 120 páxinas con excelentes fotografía e tipografía.

O libro dá máis do que o título promete. As primeiras 81 páxinas refiren a Historia de Muxía. A introdución é un bo resumo. Un texto de Rosalía de Castro, que morou en Muxía, expresa a súa vivencia deste pobo como espazo reducido e mar bravo.

Os fundadores de Muxía foron os monxes de Moraime (s. XII). Presenta o Autor as variantes que se producen na poboación de Muxía facendo un estudo comparado coas vilas próximas. Hospital para peregrinos no século XVI. Constata Fernández Carrera un cambio de atribución nas míticas pedras. Á que hoxe chamamos pedra dos Cadrís era a barca, e a pedra de Abalar era a vela (p. 38).

No século XX aparece “El Eco de Mugía” Se antes as casas amoreábanse coa igrexa parroquial no monte, agora hai rúas regulares e anchas. Alumeado con petróleo no 1.907, traída da auga no 1.910. En 1.920, 2.000 habitantes no concello. Persoeiros distinguidos: López Abente, Lastres García, Balboa López. Hoxe o concello, no 2.022 ten 5.000 habitantes, a vila 1.500.

O berce do encaixe é Muxía, non Camariñas. Atribuíuse a ésta a orixe do encaixe porque na Exposición de Barcelona obtiveron medalla de ouro traballos presentados por Camariñas. (Vide pp. 44 e 45)

No século XXI aparecen dificultades. Non hai man de obra, son contratados estranxeiros. No ano 2.020 inaugúrase o Parador de Turismo.

Segunda parte. O mar como único recurso. O secado do peixe, como en Malpica e Caión. Pesca artesanal pola ensinanza de pais a fillos. Trata o libro de especies como o congro, percebe, lagosta. O tráfico marítimo é un perigo para os pesqueiros da costa. Tipos de embarcacións, artes de pesca, a predición do tempo, refráns…

Fermosas fotografías cos secadoiros do congro, agora en risco de desaparecer.

Velaquí un libro que amosa o moito amor de Fernández Carrera por Muxía. Parabéns á Deputación de A Coruña polo seu patrocinio da obra. Xan X. Fdez., Presidente do Instituto de E E. Bergantiñáns, seguirá pescudando no ser da nosa Terra como vén facendo desde hai moitos anos, e tan laudablemente.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?