O sinal máis popular e visible de que estamos en Ano Santo Xacobeo, é a apertura da Porta Santa na Catedral. Veremos longas quendas de peregrinos que na praza da Quintana agardan pacientemente o intre de pasar a Porta Santa.
Ten significado de entrar cabo do Corpo do Apóstolo. Definitivamente, pois, con el na Eternidade. Pero, advirtámolo xa, entrar pola Porta Santa non é estrictamente necesario para gañar a indulxencia plenaria do xubileo. Tampouco é preciso abrazar ó Apóstolo. Nin andar longa caminata. Anque, si, é expresión de “peregrinación”. Requírese, si, o acceso ó sacramento da Penitencia, recibir a Eucaristía e a oración na Catedral polas intencións do Romano Pontífice. Cun prazo de 15 días antes ou despois da visita á Catedral.
Os enfermos están dispensados desta visita por razón da súa saúde.
O Códice Calixtino nada nos di da Porta Santa. Fala, si, dos tres grandes pórticos, e de sete entradas menores que había naquel tempo na Catedral (s. XII)
A Porta Santa foi aberta no séciulo XVI, copiando o que en Roma se fixo no 1.500 para o xubileo romano. Este xubileo empezara no ano 1.300 cunha frecuencia de 25 anos (ó que fora reducido desde 100 e 50 anos, en principio en beneficio dos peregrinos). Desde logo, unha frecuencia moito menor ca de Santiago que é de: 6 -11, 6-5 anos.
No ano 1.500 era papa un español: Alexandro VI. Foi quen dispuxo que se abrisen portas santas nas catro basílicas de Roma: S. Xoán de Letrán, S. Pedro, S. Paulo e Sta María a Maior.
A partires diso xurdíu a idea da Porta Santa en Santiago. No século XVII foi enmarcada no exterior con artística obra do arquitecto ceense Domingo de Andrade. Aproveitou para a ornamentación 24 figuras que foron do coro do mestre Mateo.
No coroamento, a figura do Apóstolo xunto cos seus discípulos Teodoro e Atanasio.
Nada semellante hai nas Portas Santas de Roma. A de Compostela péchase agora cun portón de bronce adornado con motivos xacobeos.
As figuras do mestre Mateo sufren atentados por aqueles que non valoran o seu significado e historia.
