Amadísimo Cardeal

por

Vén a data do 7-XII-2.018 e cúmprense así 47 anos da morte de Quiroga Palacios.Dotado dunha presencia física extraordinaria, veu precipitándose, pola pasión que el poñía nas cousas da Igrexa, e finou cando aínda non tiña 72 anos.

Era o seu lema: “Fágase todo en caridade”. Frase tomada de San Paulo. Quizais Quiroga sabía da súa espontaneidade, do seu xenio, e quería que a caridade dominase os intres en que esas circunstancias se producían. Coa súa virtude, conseguíao. Era exemplo de dominio de si.

Quiroga facía a Visita pastoral e pernoctana nas Casas Reitorais. Como queira que fosen, algunhas  non tiñan nin luz eléctrica. Para chegar a algunhas parroquias tiña que ir dacabalo.

Moi parco na comida. Insistía nisto ós párrocos, non quería excesos.  Lembro unha vez que se retirou a descansar despois de xantar e pediunos ós curas que seguíamos no comedor que non fixésemos moito ruído. El estaba na habitación superior. Pero empezamos a falar, levantamos a voz, e cando Quiroga se erguíu non dixo unha queixa sobre o noso comportamento. Admirable. Non pechara ollo!

Contáronme, ou lin nalgún sitio, que había un sacerdote que se sentía moi triste  e solo porque un irmán seu, tamén sacerdote, pedira a secularización. Quiroga chegou onda ó sacerdote en depresión e dándolle un abrazo díxolle: “Aquí tienes un hermano sacerdote”.

O Sr. Cardeal todo o ennoblecía coa súa presencia. Tiña un saber estar, unha dignidade e prestancia, unha elegancia nas formas que véndoo pasar pola Catedral bendicindo ó pobo, levantaba os ánimos. Non hai unha foto na que Quiroga non manteña formas cardenalicias. Enaltecía el o cardenalato.

Tiña unha voz opaca. Fumaba e iso perxudicábao cando quería alzar a voz na prédica . Cantando un prefacio, baixaba un tono polo menos. Non quería que os sacerdotes fumasen en público. Tampouco o facía el. Naquel tempo o fumar pertencía á comunicación, á socialización da persoa. Mesmo había quen o defendía como medio para prever infeccións. Estou seguro que hoxe, dado o concepto que temos do tabaco, Quiroga non fumaría.

Tras o Vaticano II, Quiroga fíxose máis próximo. Era un galego perspicaz, e sabía por onde viñan os novos tempos de renovación na Igrexa. Intuía as miserias e grandezas humanas. Gardaba silencio cando esa era a mellor maneira de pacificar as tormentas. Improvisaba contestacións ós oferentes no Ano Santo glosando as palabras que éstes pronunciaran. Todo sen papeis.

Finou en Madrid. O avión que trouxo os seus restos para Compostela, tamén traía un paquete de caramelos para súa irmá, a Superiora dos Anciáns Desamparados.

Xosé Pumar Gándara

 

Cardeal Quiroga Palacios saíndo da igrexa de Carballo
Foto extraída do libro Carballo 1900-1979 Crónica fotográfica de Xan M. Fraga Rodríguez

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?