Xa antes de que o Concilio Vaticano II autorizase as linguas vernáculas na liturxia, tiñamos o Cancionero Religioso do P. José María Alcácer. Un libro que moito favoreceu o canto nas nosas igrexas.
Despois do Concilio houbo un tempo de creación de melodías para a Misa e outras celebracións. A Conferencia Episcopal Española fixo unha selección e así apareceu o seu Cantoral Litúrxico que coido debe ir na 3ª edición. Sempre mellorando.
O Seminario de Santiago publicou unha escolma de cantos en castelán e en galego. Moi útil.
Tamén Galicia tivo creatividade cantoral na nosa lingua. Así, aparece o Cantoral Galego.
Hai cantorais abondo. Ogallá os aproveitásemos para renovar as nosas celebracións. Así, a Renovación Carismática C. ten o seu cantoral. Tamén a editora catalá Missa Dominical; cantoral vicenciano, cantoral xuvenil…
Certamente, hai melodías eternas. Por exemplo: Cantemos al Amor, Salve Madre, Oh Buen Jesús, Amante Jesús mío, Salve Mariñeira…
O pobo, polo xeral, xente maior, para que se una ó canto, precisa que se entone sen exceso de altura.
A mocidade xa é outro mundo. Aí temos guitarreo, batería… reguetón. Os vellos nada pintamos, somos de outra época musical. Agora é fácil reproducir toda música e aprender privadamente.
Meritísimo foi o labor de D. Xaime Vaamonde Souto (e.p.d.).Vicario T. Episcopal de Pontevedra, promovendo Semanas Musicais nas que se facía selección de obras compostas por autores galegos para o culto nas nosas igrexas. Algunhas obras escollidas foron da autoría de Xesús Méndez Torrado, compositor e director da banda de Ponteceso..
Ante tanta calidade e abundancia, non debidamente aproveitada, debemos sentir responsabilidade.
Abundan, ademáis, folletos con textos en castelán e música de recoñecidos autores como: Palazón, Cesáreo Gabarain, Manzano, Aragüés…
A parroquia de Carballo, con motivo do Ano Xubilar da Virxe Milagrosa, editou en cassettes unha colección de cantos marianos, eucarísticos, catequéticos para reavivar a oración cantada nas nosas comunidades.
Medios temos, pero os nosos esforzos, tempos, ocupacións…non permiten acadar a rentabilidade litúrxica que podía esperarse.
