De carballos, outra vez

por

Qué enigma ou misterio encerran os carballos?

Qué magnetismo hai neles, que nos domina?

Son compañeiros dos primeiros galegos, coas súas landuas alimentaban ó porco celta. No inverno, o carballo durme; na primaveira, a vida agroma polos seus poros, coma o sangue enche de vida o ser do carballo. Prodúcese así, paseniñamente, o milagro dun reverdecer tenro, débil, que será forte, denso, no verán.

O carballo supera o lume terrorista que sufrimos en Galicia, pero cae ante a serra que o mata para facer lume nas parrilladas.

No outono, todo revira na cor. Torna ouro vello, colorea aquel místico e romántico que é o devalar da vida, o tempo no que visitamos os camposantos. O carballo súmase á nosa oración.

Por isto, puido o carballo ser venerado coma un deus menor, que nos vixiaba, que vivía por séculos. Así foi, antes da Evanxelización que chegou a nós e así sabemos que esta creatura de Deus é signo de perennidade, fidelidade a unha Terra que é patria, tamén, de tan frondosa e fermosa árbore.

O ventiño do verán fai abanear as súas follas, o labrego canso por tantos traballos como son a sacha do millo, a ceifa do trigo, a sega da herba seca… sente coma un agarimo a sombra do carballo e bendice ós que o plantaron e coidaron.

No inverno, o carballo deixa pasar os raios do Sol, e defende a terra contra as enchentes.

Estremecemos cando vemos tiradas de carballos con destino ao asado de carnes. Pero, que fai Medio Ambiente? Ulos defensores da natureza, da terra?

Tennos contado D. Fidel Fernández Bello, párroco de O Allo, sabio e culto como poucos, que el lembra secar bastantes carballos da fastuosa entrada que hai ás Torres do Allo. Pero ninguén repuxo ningún. Acabarán esas quendas de carballos consumidas polo tempo?. Somentes nos quedará un recordo nas fotos e nos relatos da historia das Torres?

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?