Catequese para este curso

por parroquiacarballo

     Empezamos “no nome do Señor”. Así dixo o papa Paulo VI cando aceptou o cargo para ó que foi elexido.

     Sabido é que hai incógnitas. Pero temos que poñer valor, afouteza (que din agora). Sen esforzo non hai virtude. Os tempos que andamos poñen de manifesto o noso compromiso coa Fe recibida.

     Horas de crise, son horas que xeran tamén oportunidades.

     Á miña memoria de vello, veñen aqueles anos que eu xa non coñecín, pero souben deles. Había quen aprendía a Cartilla (o Catecismo) aínda sen saber ler, pero aproveitaba o tempo cando ía coas vacas. Sempre había alí unha persoa maior que ensinaba ós máis novos. Éstes gozaban aprendendo. Tamén así aprendían contos, refráns, cántigas… nunha palabra a nosa cultura. Cando viña o inverno, o escenario disto era a lareira. “Contos da lareira” que agora aparecen editados. Tamén se xogaba á brisca ou se rezaba o Sto Rosario mentres esperaban que quencera o caldo da cea.

     Pero interprétenme ben. Non pido que volvan eses tempos. Poño, sí, un exemplo de admirable transmisión da Fe no seo da familia.

     Pero se queren teoloxía avanzada podo dicirlles que o Sto Matrimonio, como sacramento que é, é signo e instrumento de Salvación. O Matrimonio é un analogado con outro consorcio da nosa Fe: Cristo e Igrexa xeran e educan os seus fillos para Deus. Cánto disto nos ten falado S. Agostiño!

     E agora, o Concilio Vaticano II: “A familia é coma unha igrexa doméstica”. Velaí o lugar onde os pais exercen o seu peculiar sacerdocio laical, formando,  educando, coa palabra e o exemplo, ós seus fillos, dos que, no bautizo, outra vez, fixeron compromiso explícito de seren formados na Fe.

     Os teólogos que loitan por rescatar o Matrimonio dunha certa secularización que vén padecendo, afirman que non é válido ante Deus e a Igrexa un matrimonio no que os pais rexeitan positivamente a ensinanza na Fe cristiá.

     Teriamos un contrato natural a respectar, digno, pero non un sacramento.

     Así é a grandeza, identidade, do matrimonio cristián.

     Adiante, pois, coa axuda de Deus que non nos ha de faltar.

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?