O Cirio Pascual de Carballo

por

O signo máis ostensible da liturxia pascual é o cirio. Todo o ano recordará a Resurrección do Señor e a nosa, pois El é cabeza redentora de toda a humanidade.

A luz coa que o cirio ilumina a asemblea (que estaba en tebras na noite pascual) pasa despois ás candeas que os fieis levan na man. Ensinanza: todos participamos da Resurrección.

A liturxia adorna o cirio con cinco grans de incenso en memoria das cinco chagas de Cristo Crucificado. Tamén leva o ano da era cristiá.

O cirio presidirá celebracións tanto festivas como fúnebres porque en todas elas celebramos con Cristo morte e resurrección. Somos membros do Corpo Místico de Cristo.

Unha empresa familiar moi acreditada en Carballo e bisbarra, ten o honor de ofrecer un magno cirio pascual á parroquia, así como ás parroquias integradas na unidade parroquial de Carballo. Refírome  á Casa Mariño que desde hai anos vén ofrendando con devoción este agasallo, elaborado artesanalmente. Esta Casa Mariño  vén de ser galardoada coa distinción de Carballés do Ano 2.015.

O cirio carballés vai sostido por artísitica base de ferro forxado, que enaltece tal emblema pascual. Vieiras e cruz xacobeas relucen no entramado da base. Ao pé dela, decote hai un floreiro que descansa en figura labrada en cantería galega.

Cando se encende o cirio na Vixilia Pascual a liturxia canta unha das mellores composicións que hai nas melodías gregorianas. Refírome á recoñecida Angélica que nas primeiras palabras di “Alédese xa a corte celestial”.Lástima que a liturxia en lingua castelá ou galega perda a elegancia, sonoridade, que ten o orixinal latino. Perdeuse, por iso, a entonación da Angélica nas nosas igrexas. Se quero lembrala boto man do Liber usualis e canto con profunda emoción.

O cirio de Carballo vai ennobrecido polo traballo que artistas da localidade puxeron nel. Dibuxar, pintar sobre unha superficie curva, feita con material indeleble, como é a cera, non é moi doado. Por iso ten tanta valía a obra deses competentes e desinteresados artistas. Cada ano, no pé do cirio vai unha mensaxe distinta, apropiada á situación que en tal intre vive a comunidade cristiá.

Deixemos aquí constancia dos nomes deses xenerosos artistas, como recoñecemento a tanta beleza plasmada no cirio:
-Matilde Cordero
-Fernando Carro e a súa dona Trini
-Amelia Herranz e o seu esposo Joaquín Caamaño Cordero.

A color, a viveza da obra, son unha permanente catequese para a freguesía. Temos admirados eses traballos e a mente lévanos a comparalos con aqueles códices do medievo, iluminados, miniados, polos nosos monxes. Exemplo témolo nas letras iniciais e figuras de persoeiros que hai no Códice Calixtino e nas tumbos que se conservan na Catedral.

Parabéns a cantos interviron na pintura ornamental do cirio. Que o sigan facendo moitos anos. Se houbese un Museo Parroquial deberían gardarse alí os couces dos cirios que embeleceron a pascua carballesa

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?