Da Procesión de Venres Santo (II)

por

Texto lido polos veciños de San Cristovo

     Desde San Cristovo vimos devotamente en particular procesión para integrarnos na xeral de toda a freguesía.

Traemos connosco a imaxe máis propia deste intre da Semana Santa: a urna con Cristo Xacente. Gardámola devotamente. Significa a presencia permanente entre nós da Pasión e Morte do Señor. Para recordar a súa Resurrección temos a imaxe de Cristo Glorioso, que pouco se ve nas nosas igrexas. Está mesmo fronte ao Cristo Xacente, que son parte do mesmo Misterio: a victoria sobre a morte.

Aos pés do Resucitado está a gran pía bautismal que lembra aqueles bautizos dos primeiros tempos nos que o bautismo administrábase por inmersión. Por este sacramento renacemos á vida da Igrexa, participando da Pasión, Morte e Resurrección de Cristo, o Noso Señor.

Para venerar a Eucaristía, que é presencia dese mesmo Misterio, temos unha recóndita capela que facilita a intimidade con Cristo.

Celebramos a Santa Misa nun altar rodeado por todos os fieis, que así participan con gusto na oración, na aclamación e no canto.

A ornamentación do templo é de mans abertas para recibir os dons de Deus e para suplicar. Velaí a lección que nos dá a madeira do noso país.

Non falta, non, María Santísima, pois a cada hora, o reloxo do santuario espalla as notas dunha coñecida Ave María. Así, espertan as mentes para elevarse a Nosa Señora.

Desde aquela torre, emite Radio María, que vai formando a vida cristiá de Bergantiños.

Queremos seguir progresando. Cofrades, catequistas, coro xuvenil, agrupación cultural, aspiramos a unha vida cristiá en todos os eidos do noso ser. Velaí a nosa prega ao Noso Señor Crucificado, por medio de Nosa Señora Santa María. Que así sexa.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?