Do noso pasado (I)

por

O cristianismo asentou nas “Villas” da romanización, xurdiron as nosas parroquias. Floreceron moitas comunidades familiares que pouco a pouco aceptaron as normas benedictinas. Colleron novo pulo, multiplicaron parroquias, levantaron igrexas, civilizaron o noso rural. Monarcas e nobreza favoreceron ós mosteiros. En Bergantiños hai que salientar o conde de Traba e familia.

Chegamos ó século IX e produciuse o descubrimento do sepulcro do Apóstolo, ata daquela algo oculto para Galicia, pero venerado na pequena comunidade de Solovio.

Empezan as peregrinacións. No 1.075 o bispo Diego Peláez decide empezar a construcción da gran Catedral. Axudan os reis. Xelmírez continuará a obra, trae os mellores arquitectos. Sobresairá o Mestre Mateo. Hai un tempo de esplendor en Compostela. Os Mestres que traballaron na Catedral espallaranse pola diocese e levantarán igrexas inspirándose na obra de Mateo. Todas, co estilo románico, o estilo da peregrinación.

Queremos referirnos a eses séculos XII – XIII facendo un repaso polas igrexas do arciprestado de Bergantiños que hoxe manteñen o estilo orixinal. Haberá igrexas daquel tempo que foron á ruina, ergueron outras renacentistas, barrocas…pero non imos falar delas. Tampouco nos referiremos á escultura, nin a orfebrería. Todo isto sería propio doutros traballos.

Por orden alfabético, pois, velaquí as igrexas románicas do actual arciprestado de Bergantiños. Co tempo, bastantes foron ampliadas, modificadas.  Verémolo en cada caso.

San Fins de Allóns.- No ano 1.178 o rei Fernando II fixo doazón del ao mosteiro de Sobrado.

Exemplo de templo rural con distintas intervencións artísticas. O ábside responde ó orixinal románico. No interior, restos románicos dispersos. No exterior temos a fachada e os muros da nave. Os canzorros da portada manifestan unha relación cos Mestres que traballaron na fachada das Praterías de Santiago.

No exterior, unha pía bautismal románica. Está feita en cantería, pousada sobre o chan.

San Martiño de Cores.- Igrexa asentada nun vello cementerio, como amosan os sarcófogos hoxe conservados no adro. Un arco de medio punto na porta norte. Un soporte de madeira, medieval sostén a cuberta do coro. No igresario, columnas románicas. Pila bautismal gótica. Nunha casa de veciño, hai outra pila románica. O párroco Sr. Rodríguez. Campaña xuntou na sacristía numerosas pezas prehistóricas que os expertos poderán estudiar.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?