Ecumenismo, sempre

por parroquiacarballo

Chegados a estes días máis crus do inverno, temos a celebración do octavario pola unión das igrexas cristiás: católicos, ortodoxos, evanxélicos e outros máis recentes. Trátase dunha obriga que a todos nos afecta. Se realmente queremos seguir a Cristo Señor, temos que dar cumprimento ó seu mandato de séremos todos moi unidos.

Polo tanto, debemos desbotar a indiferencia que poida manter este escándalo ante a humanidade.

Hai o ecumenismo da oración. Cada ano observamos que polos días do octavario hai xuntanzas de cristiáns de todas as ramas. Xuntanzas para orar, para perdoar, esquecer un pasado histórico que nos dividiu e que nós atopamos xa consumado, pero queremos supéralo.

A oración debe ir acompañada de estudo xeneroso para superar diferencias e descubrir as vías para a unidade. Son os expertos os que teñen aquí un gran labor. Non se trata de negociar, senón de buscar a converxencia en Xesucristo, no máis puro evanxelio.

A división dos cristiáns é unha ferida dorosa no Corpo Místico de Cristo, que merma moitos traballos evanxelizadores neste mundo noso.

Constatamos que cada vez celebramos actos ecuménicos compartidos polas diversas igrexas cristiás. Nestes días pasados, con motivo dos funerais que houbo tanto en Madrid como en Valencia polas vítimas da DANA, estiveron presentes os responsables de igrexas non católicas que exercen en España, participando na dolor e esperanza en Cristo.

Expoñente dun bo ecumenismo foi aquela fotografía que en Asís fixeron representantes de igrexas cristiás e de outras tendencias non cristiás. Foi unha xuntanza convocada polo papa Xoán Paulo II para rezar pola paz mundial.

Aquela fotografía é a proclamación de que o ecumenismo, o amarse uns ós outros, por riba de calquera diferencia relixiosa, trascende a todos os humanos para que vivamos unidos converxendo en Deus Pai.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?