Galicia e a Trascendencia

por parroquiacarballo

Cando Decio Xunio Bruto, xeneral romano, chegou á nosa terra, disque quedou sobrecollido con horror relixioso ó ver o solpor. Coidaban daquela que a terra era plana. Polo tanto, se o Sol, na alborada, volvía iluminar o mundo, é que fixera unha viaxe pola noite por debaixo da Terra.

Galicia é o Fisterra do mundo, contemplado desde Roma. Neste noso curruncho, os galegos primitivos fixeron os seus altares ós deuses que eles mesmos imaxinaban. Subidos ó cumio dos montes, estaban máis preto do Sol e da Lúa para adoralos. Eran os deuses que determinaban días e noites, tormentas, soles, chuvias … había, pois, que adoralos.

Pasada a prehistoria, a romanización aportou divinidades propias, en moitos casos, reconvertidas das que encontraron na cultura grega..

Casos típicos dunha Galicia relixiosa que os expertos analizan, son os de Prisciliano, e o arrianismo dos suevos.

A nosa Terra, pois, escenario de intensos sentimentos relixiosos. Aportemos unha reflexión sobre isto.

O mar é un interrogante permanente. Se o mar fose infinito, dixo un poeta, veriámolo tal como o vemos, é dicir, sen límites no horizonte que alcanzamos. Parece un ser vivo. Manso, azul, tantas veces. Outras unha forza invisible, dominadora, fai que unha poderosa masa de auga bata contra os rochedos e penetre cada vez máis na terra gañando novos espazos.

O cristianismo tivo que reverter a idolatría para anunciar a Mensaxe do Evanxeo. Nos vellos castros a Fe de Cristo levantou capelas, ermidas, igrexas…

Hoxe, o perfil da costa galega, desde Chamorro ó Tecla é un rosario de santuarios, preferentemente marianos. Todos teñen a propia historia, unha particular na devoción popular. Nuns casos, alaban a María como testemuña preferente da Resurrección de Cristo. Outras veces, no outono, os santuarios marianos chaman á oración do Sto Rosario. Tamén o mar faise atalaia, para elevar o pensamento ó espíritu, como en Laxe, Camariñas, Muxía…santuarios que reúnen moitedumes.

Con María, interpretamos Galicia. O que foi un lugar de culto prehistórico ás pedras de formas chamativas, eriximos a Nosa Sra da Barca, para que nos defenda dos perigos da vida.

En Rianxo a Virxe de Guadalupe faise rianxeira e camiña pola ría. En Baiona, a Virxe da Roca despide e recibe ós barcos que saen ou entran na ría de Vigo.

Necesitamos a María como Nai e Señora, compartindo angurias, esperanzas, cara a Vida Eterna.

Nosa Sra do Carme, navegando nos veráns polas ondas das rías galegas, nos guíe por este proceloso Mar de Bágoas.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?