Iconografía é unha ciencia auxiliar da historia da arte que serve para representar as imaxes que veneramos. Así, por exemplo, S. Pedro vémolo cun par de chaves nas mans. Nosa Sra. do Carme leva o Neno e os dous ofrécennos o escapulario.
Se miramos ó Pórtico da Gloria veremos que as imaxes levan unha cartela, é dicir, un pergamino estreito que colga da man da figura e nel podemos ler un texto que identifica ó santo.
Pois ben. Imos fixarnos nunha circunstancia que apreciamos en tres imaxes do Apóstolo Santiago. As tres amósano sedente e co bordón na man esquerda.
Imaxe gótica no Santiaguiño de Padrón.- Os padroneses defenden que alí predicou o Apóstolo, naquelas penas agachábase, celebraba Misa, por alí pacía o seu cabalo. A cartela da imaxe do santuario leva en latín un texto de S. Paulo (1ª Cor. III, 6-9) que di: “Eu plantei, Apolo regou, pero Dios foi quen fixo medrar”, é dicir, o Evanxeo predicado.
Na parroquial de Padrón hai unha imaxe do século XVIII, con cartela na que lemos (en latín, como as demais cartelas): “Aquí estivo o Corpo do Apóstolo Santiago”
Esta misma frase, nunha placa de bronce, figura enriba da porta principal da igrexa.
Xa na Catedral, no Pórtico, a coñecidísima imaxe de Santiago acollendo ós peregrinos, cun soriso nos beizos e un báculo en forma de T, sostén unha cartela na que lemos: “Virán a el todas as xentes”.
No altar maior da basílica compostelá temos unha imaxe románica con escravina de prata, agasallo do arcebispo Monroy, e o santo leva na cartela estas palabras: “Aquí está o Corpo do Apóstolo Santiago”
Efectivamente, baixo ese altar está a cripta na que se conserva o monumento romano que foi sepulcro do Apóstolo. Os seus restos están recollidos agora, desde o século XIX nunha urna de prata, que, tan só en dúas ocasións foi levada en procesión polas rúas de Compostela. Da segunda ocasión, en agosto de 1.936, poden ver foto na G. Enciclopedia Galega.