Invocación ao Apóstolo

por parroquiacarballo

Somos a Unidade Parroquial de Carballo e do Arciprestado de Bergantiños que acudimos hoxe a esta Santa Igrexa Catedral. Rematamos na semana pasada a Misión Popular, e agora vimos acó para presentar as nosas vidas, os propósitos renovados de mellorar na Fe que temos recibida como preciado patrimonio dos nosos antergos.

Talmentes como S. Xoán Bautista predicaba á beira do río Xordán, hoxe esta Unidade Parroquial acolle, vive e celebra a evanxelización nas beiras do río Anllóns.

Temos tamén a Santiago como o noso Apóstolo e así o veneramos na igrexa románica de Sísamo.

Profesamos unha Fe eminentemente mariana, custodiada por Nosa Señora, irmá de Sta. María Salomé, polo tanto tía de Santiago o Boanerxes.

Sta. María Asumpta é patroa de Bértoa e Ardaña.

Tamén deixou a súa pegada evanxelizadora nas nosas parroquias o propio S. Martín Dumiense. Honramos santos que el importou de Oriente para vencer o arrianismo dos suevos. Así veneramos a Sta. Mariña, S. Cristovo, S. Martín de Tours, en Lemaio, Lema, Cances e Razo. Temos un santo do país irmán: S. Breixo en Oza. E a S. Miguel arcánxelo, protector da Igrexa, en Vilela. S. Estevo o protomártir, en Goiáns.

Velaí os santos patróns das nosas freguesías, son os nosos intercesores, ós que temos que imitar, a eles nos encomendamos.

Sto. Apóstolo Santiago: que a naviña da Fe que entre nós sementaches, inze profundamente na terra fecunda de Bergantiños. “Roxa ó arar, nobre e testa”, que dixo o noso bardo Pondal.

Este é o labor dos sacerdotes, colaboradores, e fregueses. Danos a túa axuda para manter a Fe e transmitila  ás novas xeracións.

Temos que engadir, Santo Apóstolo, unha fervente prega polo pobo de Ucrania. Dóenos ver tantos refuxiados, tantas escolas e hospitais desfeitos, tantas familias rotas. Que a gracia de Dios ilumine ós responsables e academos a paz para vivíremos como irmáns neste mundo.

Dioloqueira. Amén

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?