Invocación lida na Misa do Peregrino (20/10/21)

por parroquiacarballo

Apóstolo Santiago:

Somos un grupo de avós das terras de Bergantiños. Vimos a Compostela, cabo do teu sepulcro, por un camiño que percorreu moitas veces un célebre antecesor noso: o Conde de Traba, amigo e colaborador de D. Diego Xelmírez na causa xacobea e na exaltación de Galicia. Merecidamente está o noso paisano D. Pedro Fróilaz sepultado nesta catedral.

Os nosos vencellos con Santiago, cidade e Apóstolo, son múltiples. As nosas terras foron evanxelizadas e civilizadas polos mosteiros benedictinos de Soandres e os de S. Martín Pinario e S. Paio de Antealtares, nesta cidade, arredor da Catedral.

Polas nosas idades, sabemos das peregrinacións que nos Anos Santos fixeron os bergantiñáns a Compostela, desde os tempos de Martín de Herrera, cardeal moi recordado por nós.

Santo Apóstolo: queremos ser lumieiras da Fe para os máis novos. É unha teima que levamos coma unha obriga no noso corazón. Temos que ser exemplo e testemuñas.

Axúdanos, Señor Santiago.

Lembramos ós nosos maiores finados na pasada pandemia.D.E.P.

Engadimos unha petición polos pobos de A Palma. Na nosa terra, a Costa da Morte, sentimos que estamos na ocasión para ser solidarios coa sacrificada illa de A Palma, como o resto de España se sacrificou por nós cando o desastre do Prestige.

Coa bendición do Noso Señor, a protección de María Santísima e a túa intercesión, queremos volver ás nosas casas con ánimo decidido a manter a Fe que hoxe nos trouxo a esta grandiosa Catedral. Amén

 

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?