Matinando arredor de Rosalía II

por parroquiacarballo

Sitúan a casa onde ela parou, sequera unha temporada, na aldea de So-Igrexa, en casa que foi propiedade de D.Benito Sebe, natural de Bastavales, médico de Rois (onde lle erixiron unha estatua) finando en Francelos-Ribasar aló por 1.962.

Quen queira pescudar sobre isto ofrecémoslle esta liña. Un sacerdote, de apelido Noya, da aldea de Romarís en Bastavales, foi párroco de Sta. María de Conxo, tras a Exclaustración. Compañeiro e amigo de Martínez Viojo, puido facilitar a estancia de Rosalía en Bastavales.

Bouza Brey infórmanos da presencia de Rosalía en Conxo. Alí sitúa ela a súa novela “El primer loco” ¿Sería alí onde Rosalía conversaba con seu pai?. Temos oído a Bouza Brey que Martínez Viojo tivo un comportamento leal con Rosalía, mesmo quixo facer testamento en favor dela, pero isto era impedido polo ambiente da época.

O P. Gumersindo Placer Pérez, mercedario, de Pontedeume, salienta a devoción de Rosalía pola Virxe da Mercé. Mesmo preto de Castro Ortoño hai unha capela, en Lapido, adicada a esta devoción.

Rosalía, xoven culta, tocaba o piano e declamaba poemas no Liceo de la Juventud de Santiago. D. Paulino Pedret gardaba uns folios que foran lidos pola poetisa en tal ocasión.

Rosalía era curmá de nai de Pérez Lugín. Camilo J. Cela en La Rosa (p.66, ed. Destino 1.989) di que “Pérez Lugín y Rosalía eran primos segundos” Caamaño Bournarcell escribiu dúas obras importantes sobre este parentesco: “El linaje de Rosalía de Castro” (Boletíns nº 37-38 da Comisión provincial de Monumentos de Lugo 1.953) e “Ficción y realidad en la Casa de la Troya” (Porto y Cía 1.967, Santiago) resumindo unha conferencia do autor en 1.959.

Bournacell amosa un coñecemento perfecto dos antepasados de Rosalía. Aporta árbores xeneolóxicas e testemuñas de xentes de Padrón. Defende que a Carmiña Castro Retén da novela é a propia Rosalía de Castro.

José Antonio Durán, en artigo de La Voz de Galicia (4-XII-88) defende que a devandita Carmiña é Carmen López Carballeira, que foi monxa e educadora en Vigo. Finou en 18-III-1.938. Tiña 73 anos de idade, e 50 de vida relixiosa.

En Padrón e en Santiago temos constatado que Carmiña Castro Retén foi Carlota Orense Navarrete, natural de Sevilla. Tiña unha irmá, Cristina. Quedaron orfas ós 4/5 anos. Ingresaron nun Colexio de Huérfanas Militares de Guadalajara, ata a súa chegada a Padrón.

Carlota finou en 1.960 no Colexio de Enseñanza de Santiago (Compañía de María). Pérez Lugín chegou deica alí para disuadila. Contan que era moi amable, estaba na portería. As alumnas do colexio recordábanlle a súa relación coa novela “La Casa de la troya”. Ela sorría.

Hoxe aínda hai en Padrón lonxanos familiares de Carlota.

Finalmente, aportaríamos aquí unha idea do gran escrutador de todo o que se refire a Rosalía, como foi Bouza Brey. Témoslle oído falar das “amizades” non regulares que frecuentaba Murguía.

Observa Bouza que o “Castro” que chega a Rosalía procede dos Bermúdez de Castro que tiñan o seu castelo en Lestrove-Benza-Trazo. Aquí exercían o seu señorío sobre Dubra, Montaos. Tamén chegaron a Padrón.

Pois ben. Ao servizo destes Bermúdez de Castro veu un mestre, desde Castela, para exercer en Benza. Aquí casou. Era un tal Pomar. Algún descendente seu pasou á próxima parroquia de Buxán. Por razóns de proximidade fonética o apelido Pomar mutou en Pumar. Vén sendo o apelido que sobreleva este escribidor.

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?