Matinando arredor de Rosalía

por parroquiacarballo

Sabida de certo agora a data do seu nacemento (23-II-1.837), xurde un interese anovado pola nosa emblemática escritora. Benvido sexa este movimento. Cousa boa sería que todos aportásemos algo que chegásemos a coñecer.

Aquela María Francisca Martínez, fiel sirventa da nai de Rosalía, que fixo de madriña no bautizo da nena, era natural da aldea do Raíndo, na parroquia de S. Xoán de Campo – Trazo. De conversas con D. Andrés, párroco de Campo, tivemos noticia de que a devandita María Francisca, pertencía a unha familia con situación semellante a que agora vía na nova bautizada. Comprendía ben, pois, as tristes realidades humanas.

Sobre a paternidade de Rosalía rixe comúnmente a noticia e comentarios que Bouza Brey deixou en diversos artigos de Cuadernos de E. E. Gallegos, non hai moito reeditados nun libro conxuntamente. Contra  esa convición xeralizada de que o pai foi José Martínez Viojo, aparece a opinión de José A. Durán, escritor e investigador pontevedrés que, en artigo publicado en El Correo Gallego (1-XII-2.009) defende que o pai foi un familiar que frecuentaba o pazo de Arretén. Quizais apelidado Castro.

A partida de bautismo de Martínez Viojo estaba no arquivo parroquial de Ortoño, onde fora bautizado. Pois ben. Un investigador chegou por alí, o Sr. Cura Párroco, ocupado nas cousas da igrexa porque viñan as festas do S. Xoán, patrón, deixou ó investigador co Libro de Bautizos correspondente. Foi máis adiante cando D. Manuel Campos volveu examinar aquel Libro e viu que faltaba, fora arrincado o folio no que constaba a partida de Martínez Viojo.

Quen queira coñecer tal partida hoxe pode vela en “Escritos Rosalianos” de Carballo Calero. Está literalmente.

Admitida está a presencia de Rosalía, nena, en Castro Ortoño. Non así a de Bastavales, cando o poema “Campanas de Bastavales” declara a morada de Rosalía nesa parroquia. A descripción xeográfica e etnográfica, mesmo a intimidade sentimental de Rosalía proclaman abertamente a súa estancia e saudade por Bastavales.

Sitúan a casa onde ela parou, sequera unha temporada, na aldea de So-Igrexa, en casa que foi propiedade de D.Benito Sebe, natural de Bastavales, médico de Rois (onde lle erixiron unha estatua) finando en Francelos-Ribasar aló por 1.962.

Quen queira pescudar sobre isto ofrecémoslle esta liña. Un sacerdote, de apelido Noya, da aldea de Romarís en Bastavales, foi párroco de Sta. María de Conxo, tras a Exclaustración. Compañeiro e amigo de Martínez Viojo, puido facilitar a estancia de Rosalía en Bastavales. (Continuará)

 

También te puede Interesar

× ¿Cómo puedo ayudarte?